Notas de prensa

Sete cantigas de amigo do pergamiño Vindel, en versión galego-xaponesa na obra Xograr Martin Codax

O secretario xeral de Política Lingüística e o autor Takekazu Asaka, o embaixador do galego máis famoso do Xapón, deron a coñecer a nova edición bilingüe galego-xaponés das sete cantigas de amigo do pergamiño Vindel en "Xograr Martin Codax", durante un acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

As sete cantigas de amigo do xograr galego Martin Codax, que o bibliófilo Pedro Vindel atopou no ano 1914 no pergamiño que lle serviu como forro á encadernación dunha copia manuscrita feita no século XIV do tratado “De Officiis” de Cicerón e que marcaron un fito por amosar por vez primeira a música da lírica profana medieval, xa se poden ler en xaponés, mercé á nova edición bilingüe galego-xaponés do lingüista Takekazu Asaka, un profesor de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku de Toquio considerado o embaixador do galego máis famoso do Xapón.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, deu a coñecer o novo volume nun acto celebrado no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH) no que participou tamén o autor e no que destacou que “se trata dun traballo que contribúe a reforzar a proxección exterior do galego, mais sobre todo a prestixiar a lingua galega da man dun dos tradutores máis recoñecidos e a fortalecer as pontes que comunican a cultura galega con outra tan diferente como pode ser a xaponesa”.

Acompañáronos na presentación o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, autor do limiar que abre a obra; o académico da lingua e catedrático de Filoloxía Románica da USC Francisco Fernández Rei e mais o secretario do CRPIH, Armando Requeixo.

Edición bilingüe galego-xaponés

O volume “Xograr Martin Codax” ofrece a tradución ao xaponés das sete cantigas de amigo do trobador Martin Codax realizada polo lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade Tsudajuku de Toquio. Asaka é un recoñecido tradutor de textos galegos á lingua nipona, na que publicou obras de Rosalía e Cabanillas, unha gramática de galego e mais o libro “Coñecer Galicia”.

“Xograr Martin Codax” é unha edición bilingüe onde, ao pé dos textos orixinais galegos, comparecen as súas translacións ao xaponés acompañadas de notas e comentarios do editor. O volume conta, así mesmo, cun limiar de Xesús Alonso Montero titulado “Sete poemas de amor escritos en galego do século XIII traducidos ó xaponés do século XXI”. A reprodución fotográfica do Pergamiño Vindel, unha introdución contextualizadora e analítica do propio Asaka, un selecto glosario galego medieval-xaponés actual e unha escolleita bibliografía crítica completan o apartado textual deste libro.

A maiores, “Xograr Martin Codax” complétase coa inclusión dun CD estoxado no que Yuri Ensemble interpreta as sete cantigas de Martin Codax. O volume foi publicado neste 2015 no Xapón pola editorial Ronso e contou co patrocinio do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte a través da Secretaría de Estado de Cultura.

Embaixador do galego no Xapón

Takekazu Asaka é un lingüista nacido en Toquio que imparte docencia na área de Filoloxía Románica da Universidade Tsudajuku, na capital nipona. Está considerado o embaixador do galego máis famoso do seu país. Asaka entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.

Na súa produción destacan os títulos “Gramática do galego moderno” (1993), “Guía de conversación en galego” (1994) e “Vocabulario básico da lingua galega” (1996). Ademais, é autor da tradución ao xaponés de 29 dos poemas dos “Cantares gallegos” de Rosalía de Castro, de textos de Castelao, dos poemas galegos de Federico García Lorca e doutros textos de Eduardo Pondal, Emilia Pardo Bazán, Wenceslao Fernández Flórez ou de Ramón Cabanillas, en cuxa homenaxe deu ao prelo no ano 2014 o libro-CD “Cantata a Ramón Cabanillas”, prologado por Francisco Fernández Rei.

Takekazu Asaka é, ademais, un dos ex alumnos máis coñecidos dos cursos de verán de lingua galega para persoas estranxeiras que organizan cada ano a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da USC na capital de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-31

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES