
Trinta imaxes que transmiten unha visión artística da ciencia e a tecnoloxía conforman a mostra itinerante que o mércores 29 de xullo se inaugura ás 18.00 horas no claustro baixo do Colexio de Fonseca. As obras foron seleccionadas entre as 209 recibidas para participar no concurso InvestigArte que por terceiro ano consecutivo organiza a Asociación Galega Xuvenil de Divulgación Científica DivulgActiva en colaboración coa USC, a Fundación Barrié a través de educaBarrié, a Fundación Ramón Domínguez e a UDC. Colaboran ademais a revista Investigación y Ciencia, Ingenyus e Roche.
Entre as obras que se expoñen figuran as gañadoras do concurso, que nesta terceira edición se consolidou fortemente tanto en número de imaxes recibidas como de visitas á web. Na sección de educación o premio á mellor fotografía foi para Azul sulfato de Beatriz González Ponte, do IES Monelos da Coruña, mentres que o mellor vídeo foi La infección vírica de Claudia Antepazo Durán, do IES As Barxas de Moaña. O premio á mellor ilustración recaeu en Noelia Tinoco Lacomba, da Escola Rosalía de Castro de Vigo, por Danza de neuronas e a obra máis votada na web foi Cristalización Polar dos alumnos Christian Núñez Gómez e Victor Pérez Noya do IES da Pastoriza.
Na sección de investigación, na categoría macrofotografía, fíxose co primeiro premio COLor-eARTE, do alumno da Facultade de Ciencias de Lugo Wajih Al-Soufi, mentres que o segundo foi para Gota bailarina de Mario Hoyos, do Instituto de Ciencia e Tecnoloxía de Polímeros (ICTP) do CSIC. O primeiro premio da categoría microfotografía correspondeulle a Escaleras de Escher de Josue Friedrich Kernahany e colaboradores, da Universidade Autónoma de Madrid, e o segundo foi para Canicas, de María Carbajo Sánchez, da Universidad de Extremadura. Nesta sección a obra máis votada polo público no web é ¿Es la misma célula tumoral? Sí, o ¿tal vez no?, de David Hevia Sánchez, da Universidade de Oviedo.
Finalmente, e grazas á colaboración da empresa no concurso, este ano instaurouse o Premio Roche, que gañou Una Galaxia en una Célula de Ángel Fernández Trasancos, da Fundación Ramón Domínguez.
Na inauguración está prevista a participación das vicerreitoras de Investigación e Innovación e de Estudantes, Cultura e Servizos á Comunidade Universitaria da USC, Isabel Rodríguez-Moldes Rey e Dolores Álvarez, respectivamente; o director de Xestión e Valorización de I+D+i da USC, Rogelio Conde-Pumpido; a directora da Fundación Ramón Domínguez do IDIS, María Gómez Reino; e o director xeral da Fundación Barrié, Javier López Martínez.
A exposición permanece aberta ata o 12 de setembro de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.