
Os concellos de Vedra e Caldas de Reis reciben esta fin de semana Os Bolechas, na máquina do tempo, no marco do programa "FalaRedes" que a Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria leva, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por cuarto ano aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
Os xa famosos Bolechas seguen adiante nunha viaxe chea de aventuras e diversión que os levará por 40 localidades. Braulio, Carlos, Loli, Pili, Sonia, Tatá e o inseparable Chispa -logo de deixaren atrás o Sabichón- atoparán un aparello que os teletransportará ata o futuro e os converterá en adultos: a máquina do tempo. O doutor Apolodoro -o científico tiruleco propietario da máquina- guiará os irmáns nun percorrido para coñeceren as diferentes etapas da Historia, e no que precisarán a inestimable axuda do público para regresaren ao presente.
A cita en Vedra é o sábado 18 ás 19:00 horas no Museo Paz Camps en San Fins de Sales. Logo, "Os Bolechas" viaxarán ata Caldas de Reis; onde se presentarán ante o público o domingo 19 ás 12:00 horas no Auditorio Municipal.
No seu afán por promover o uso e a valoración positiva do idioma galego, FalaRedes segue a espallar este espectáculo de música e baile que, malia estar dirixido a público preadolescente, consegue que toda a familia mova o esqueleto.
O músico Xoán Curiel, canda a banda Son+d2 e a bailarina Marta Alonso, ofrecerá un bo feixe de ritmos: rock, funk, blues, pop, reggae, bossa nova... en galego. Estamos no verán!!! empraza na penúltima fin de semana da súa xira no marco do FalaRedes 2015 á rapazada de Barreiros, o venres 17 ás 20:00 horas (no Centro Sociocultural Manuel Díaz San Pedro); á de Ribadumia, o domingo 19 ás 12:30 horas (no Auditorio Municipal); e á de Bueu, ese mesmo día ás 21:00 horas na Praza Massó (ou no Centro Social do Mar, en caso de choiva).
O calendario completo das dúas actividades está dispoñible en www.lingua.gal [nova venta] e tamén na Axenda de Cultura de Galicia.
O programa de dinamización lingüística celebra a súa cuarta edición logo do éxito obtido nas case 600 actividades exhibidas no marco da RDL durante os tres primeiros anos de desenvolvemento deste programa. As propostas que nel se integran buscan, ano a ano, o cumprimento dos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega, nomeadamente, aqueles que animan a promover o uso e a valoración positiva da lingua propia de Galicia entre a infancia, a mocidade e a familia, enchendo o tempo de lecer con actividades de calidade no noso idioma.
Ata finais de ano chegará aos concellos da RDL, iniciativa impulsada polo Goberno galego para incidir na promoción do uso da lingua propia de Galicia desde as administracións local e autonómica e que conta na actualidade cunhas 170 entidades adscritas.
Máis información sobre FalaRedes 2015 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística http://www.xunta.es/linguagalega/falaredes 2015 e tamén nas redes sociais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.