
Gaiteiros de Galicia, Cataluña e Navarra participarán os días 25 e 26 de xullo na estación de montaña de Cabeza de Manzaneda no VI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas Memorial Gabino García, un evento promovido pola Deputación de Ourense e organizado polo Concello de Manzaneda coa colaboración da Xunta de Galicia e Oca Nova Manzaneda.
O Pazo Provincial acolleu a presentación do evento, un certame que a Deputación de Ourense ven organizando dende o ano 1991, inicialmente como Campionato Provincial de Bandas de Gaitas, logo como Campionato Nacional de Bandas de Gaitas, posteriormente como Liga Galega de Bandas de Gaitas e dende hai catro anos como Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas.
O acto contou coa presenza do vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o alcalde de Manzaneda, David Rodríguez; o director da Escola Provincial de Gaitas, Xosé Lois Foxo, e o director xeral de Oca Nova Manzaneda, Gustavo Sanmartín.
Xosé Lois Foxo destacou do programa que o día 25 terá lugar a celebración da Noite Celta, na que actuarán a Banda de Gaitas do Centro Galego de Navarra, Lapsus Gaita, as Cantareiras da Real Banda, Pol Lari & Meritxell Bayarri, e a Real Xuvenil. O día 26, entre as 11.00 e as 14.00 horas, terá lugar o certame coa participación das bandas Flariz, de Monterrei, As Xuncos, de Xunqueira de Espadanedo, as Bandas de Gaitas dos concellos de Verín, Riós, Vilariño de Conso e Manzaneda e a da Carballeira. O evento rematará coa entrega de diplomas e medallas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.