
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o colectivo XOC, integrado polas formacións Xacarandaina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos, convidan a participar este verán nos seis encontros co baile e a música tradicionais de Galicia que se inclúen no marco do ciclo Danza3.
Este programa de difusión do folclore galego, que principiou o pasado 23 de maio cunha gala especial celebrada no Auditorio Municipal de Ourense e que continuará con novas actuacións ata decembro, visitará nos próximos meses as localidades de Burela, Sarria, A Baña, Melide, Marín e O Barco de Valdeorras.
Baixo o lema Folclore na rúa, o seu obxectivo é transmitirlles aos cidadáns a esencia e a riqueza das nosas danzas, así como das músicas que as acompañan e do vestiario co que se poñen en escena.
Calendario de actuacións
Cada un dos grupos de baile e música ofrecerá este verán dúas funcións no marco de Danza3. Deste xeito, a praza da Mariña de Burela acollerá este sábado 18 de xullo o espectáculo da formación coruñesa Xacarandaina, a cal volverá a actuar o 14 de agosto nas rúas de Melide. O Fiadeiro de Vigo estará, pola súa banda, o 25 de xullo no recinto da Casa da Cultura de Sarria e o 6 de setembro na Alameda de Marín; en tanto que a banda compostelá Cantigas e Agarimos será recibida o 1 de agosto na área recreativa Agra de Chan da Baña e o 11 de setembro na praza Príncipe de Asturias do Barco de Valdeorras.
En cada unha destas citas, os danzantes e músicos exhibirán a pé de rúa unha mostra do seu amplo repertorio, nunha proposta artística preparada especialmente para cada espazo e a través da que se buscará implicar o público asistente, de xeito que cada un destes espectáculos será único, espontáneo e persoal.
Patrimonio inmaterial
Cantigas e Agarimos, O Fiadeiro e Xacarandaina veñen colaborando desde hai unha década en distintas entregas de Danza3 co apoio de diferentes administracións públicas. As tres entidades traballan, desde a súa fundación, coa música e o baile tradicionais como materias primas a partir das que constrúen experiencias visuais e sonoras para o público actual, contribuíndo deste xeito á divulgación dunha parte esencial da cultura de Galicia e do seu patrimonio inmaterial.
Neste sentido, e unidas como colectivo baixo as siglas 'XOC', son as impulsoras da proposta para lle solicitar á Unesco a declaración do baile galego como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.