Notas de prensa

Culturgal avanza as liñas da 8ª edición coa palabra como protagonista do evento

Deséñase unha nova distribución do recinto feiral para mellorar a experiencia dos creadores e do público no Pazo de Cultura de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro. Agadic apoia economicamente o evento, no que volverá a contar cun expositor e onde se levarán a cabo as reunións executivas do novo programa Firma e filme.

A organización de Culturgal, a Feira das Industrias Culturais, adiantou as que serán as liñas mestras e a imaxe gráfica da súa edición de 2015, que terá lugar no Pazo da Cultura de Pontevedra do 4 ao 6 de decembro coa palabra como protagonista do seu programa de actividades. Así mesmo, deseñouse unha nova distribución dos espazos e dos expositores co obxectivo de mellorar a experiencia dos asistentes ao evento, que o ano pasado congregou máis de 15.000 persoas.

Esta oitava edición do encontro promovido pola asociación homónima, que aglutina destacados colectivos profesionais das industrias culturais galegas, volve contar co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, institución que achega 50.000 euros para o desenvolvemento desta programación, en virtude do acordo asinado hai un mes polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e o presidente da Asociación Culturgal, Manuel Bragado.

Ambos os dous interviñeron hoxe na presentación aos medios deste Culturgal 2015, na que tamén participaron a concelleira de Promoción Económica e Turismo do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías; a deputada de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra, Ana Isabel Vázquez, mais o director da Feira, Xosé Manuel Aldea.

Xuntanzas profesionais

Na súa intervención, Jacobo Sutil salientou que, ademais da habitual presenza institucional da Xunta de Galicia como entidade expositora na zona de mercado, a Agadic escolleu o marco desta feira para desenvolver as reunións executivas de 'Firma e filme', un novo programa a través do que se busca impulsar a adaptación audiovisual de obras da literatura galega. “Isto suporá que Pontevedra acollerá xuntanzas entre 18 casas editoras e 25 produtoras audiovisuais galegas para estudar a posibilidade de levar ás pantallas un total de 52 títulos propostos para este proxecto”, explicou.

O director da Agadic gabou o labor que está a desenvolver a actual directiva de Culturgal que, nas súas palabras, “está a conseguir algo non moi frecuente: que máis de 15.000 persoas secunden un evento cultural galego e que, como aconteceu xa na edición de 2014, o fagan previo pagamento da súa entrada”.

Pola súa banda, a organización destacou que a palabra, en todas as súas expresións culturais (escrita, falada, declamada, cantada, nos libros, no cinema...), será o eixe central do programa de actividades, para o que o prazo de presentación de propostas permanecerá aberto ata o 30 de setembro.

Expositores

No caso da reserva de stands, o período de inscrición prolongarase ata o 31 de outubro, pero facilitando a elección da súa situación no recinto a aquelas empresas, institucións e creadores que formalicen a petición de xeito anticipado. Nestes momentos, superouse xa a metade das reservas, con 43 espazos solicitados dos 84 ofertados. Co obxectivo de contribuír a que os expositores cumpran os seus obxectivos comerciais e de visibilidade, a feira mantén as mesmas tarifas de alugueiro dos espazos desde hai tres anos, ademais de lles ofrecer prezos especiais ás ONGs e asociacións sen ánimo de lucro que desexen divulgar a súa actividade neste marco.

En canto á venda de entradas e bonos de acceso, manteranse os prezos populares do ano pasado a través dos que, porén, o público de Culturgal converteuse nun importante apoio económico para a feira na procura dun modelo de xestión económico e de futuro. Neste sentido, a organización informou de que este ano conta cunha participación económica “estable e compensada”, cun 60 por cento de achegas públicas e un 40 por cento privadas, que posibilitan que “o maior escaparate para a cultura galega teña un futuro compartido colectivamente”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-07-09

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ãngel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES