
A produtora galega Vía Láctea Filmes presentou na Estrada o inicio da rodaxe da súa próxima película, Sicixia, que arranca coa toma de imaxes durante a celebración da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria participa no financiamento desta nova longametraxe que dirixirá Ignacio Vilar.
Despois do éxito que supuxo a adaptación cinematográfica de A esmorga, Vía Láctea acomete en Sicixia unha historia de amor e desamor situada na Costa da Morte, que toma como título o termo astronómico que se refire ao momento no que se aliñan os centros do Sol, da Terra e da Lúa.
No filme, protagonizado polos intérpretes galegos Monti Castiñeiras, Marta Lado, Sonia Castelo e Tamara Canosa, o rexistro dos sons propios de Galicia terán unha importancia especial, xa que a través deles se escoitará e se amosará a vida na Costa da Morte galega. Malia centrarse nesa zona do litoral galego, Sicixia recollerá escenas doutras localidades da nosa xeografía, como é o caso da festa da Rapa das Bestas de Sabucedo, celebración popular que será o especial escenario do inicio os traballos de rodaxe, a partir de mañá venres e ata o luns 6 de xullo.
O proxecto, que chegará previsiblemente ás pantallas a finais de 2016, obtivo en 2014 unha subvención de 260.000 euros no marco das axudas á produción e coprodución audiovisual que convoca a Agadic, dentro da categoría concreta dedicada a longametraxes cinematográficas. O director da Agadic, Jacobo Sutil, interveu por este motivo na presentación do inicio da rodaxe que se levou a cabo este mediodía na Casa do Concello da Estrada, acto no que tamén participaron o alcalde José López Campos, o director Ignacio Vilar, e parte do equipo actoral e técnico de Sicixia.
Fotografía: Vía Láctea.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.