Os tres circuítos de distribución profesional de espectáculos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) Rede Galega de Teatros e Auditorios, Rede Galega de Música ao Vivo e Rede Galega de Salas ofrecerán durante 2015 un total de 828 actuacións de teatro, música, danza, maxia e novo circo. Esta carteleira anual, que hoxe abre o seu segundo período de programación, conta cun orzamento total de 1.411.452 euros, achegado por este departamento da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xunto coas entidades públicas e privadas que xestionan os 75 espazos asociados en 48 concellos de toda Galicia.
Estas cifras supoñen un incremento dun 3,6 por cento nos niveis de investimento e contratación das tres redes respecto ao ano pasado, ao tempo que confirman o seu papel como unha das principais vías de apoio aos sectores escénico e musical en Galicia. De feito, as súas programacións conforman a máis ampla e estable canle para a distribución dos espectáculos producidos de xeito profesional na nosa Comunidade.
Orzamentos por circuíto
A Agadic contribúe cun total de 731.505 euros ao investimento anual nestas carteleiras, mentres que a contía restante é asumida en diferentes porcentaxes polas entidades asociadas. Así, a Rede Galega de Teatro e Auditorios conta en 2015 con 1.239.449 euros, achegados pola Axencia Galega de Industrias Culturais e os xestores dos espazos nunhas porcentaxes que oscilan entre o 40 e o 70 por cento en función do número de habitantes do municipio e e do tipo e cifra de actuacións contratadas.
Outros 111.319 euros destínanse ao financiamento da Rede Galega de Música ao Vivo, na que a Agadic asume o 85 por cento dos cachés dos grupos programados; mentres que os 60.684 euros restantes correspóndenlle á Rede Galega de Salas, na que a Axencia corre coa totalidade dos gastos de contratación.
Nova carteleira semestral
As tres redes teñen pechado xa o calendario de concertos e funcións escénicas que desenvolverán entre os meses de xullo e decembro, período durante o que lle achegarán aos espectadores de 44 municipios unha carteleira con 402 citas culturais: 241 de teatro, 120 de música, 16 de danza, 13 de maxia e 12 de novo circo. Ademais, 112 destas actuacións corresponden a espectáculos deseñados especificamente para o público infantil e familiar.
A nova programación semestral arranca esta mesma noite co concerto que Valentín Caamaño Trío ofrecerá no Jazz Filloa da Coruña, unha das 20 salas que programarán concertos durante este período como parte da Rede Galega de Música ao Vivo. Entre os meses de xullo e decembro, o circuíto dirixido á promoción da música en directo en locais de pequena capacidade ofrecerá un total de 110 actuacións a cargo de 32 grupos de música e catro compañías escénicas.
Incorporación do Teatro Coliseo Noela de Noia
En canto á Rede Galega de Teatros e Auditorios, son 222 as funcións previstas para esta segunda metade do ano, que darán comezo a partir do 17 de xullo cun especial protagonismo da oferta teatral, tanto para o público adulto como para o familiar. Un total de 37 escenarios de 31 municipios galegos acollerán estas actuacións, que serán desenvolvidas por 92 compañías escénicas e grupos musicais. Ademais, o Teatro Coliseo Noela de Noia incorpórase, tras a súa rehabilitación, como novo espazo do circuíto.
Xa en setembro, iniciarase a nova programación da Rede Galega de Salas, cuxos cinco espazos ofrecerán 70 funcións de teatro, danza, novo circo e maxia da man de 36 compañías profesionais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.