Notas de prensa

Analízase o videoxogo como ferramenta educativa

A xornada Xogar tamén é cousa seria aborda, na Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura, as experiencias na creación de videoxogos en Galicia co fin de difundir o traballo do sector do videoxogo na nosa Comunidade e as novas oportunidades e posibilidades que esta industria ofrece á educación, a sanidade ou a comunicación. A actividade promove así o coñecemento do potencial do xogo dixital.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou na apertura da xornada ‘Xogar tamén é cousa seria. Experiencias na creación de videoxogos en Galicia’, que se celebra na Biblioteca e Arquivo de Galicia co fin de difundir o traballo do sector do videoxogo na nosa Comunidade e as novas oportunidades e posibilidades que esta industria ofrece á educación, a sanidade ou a comunicación. A actividade promove así o coñecemento do potencial do xogo dixital para obxectivos diversos e contribúe á visibilidade deste sector creativo.

Durante a súa intervención o titular do departamento educativo do Goberno galego salientou o enorme potencial do xogo en canto a experiencia, aprendizaxe, información e desenvolvemento do noso intelecto, e como motor potente para o crecemento individual e o desenvolvemento colectivo. Ademais, lembrou a consideración, consensuada polos poderes públicos e o ámbito creativo, do xogo e o videoxogo como produto cultural transversal, en recoñecemento do seu valor integrador, de difusor da cultura e de espazo de aprendizaxe, cuxo desenvolvemento incide na dinamización de toda a industria cultural.

Neste sentido destacou o traballo do sector do videoxogo en Galicia, e reiterou o compromiso do seu departamento co apoio e impulso de industrias culturais que, coma esta, son xeradoras de empregos, tecido empresarial e proxectos emprendedores. De feito, a xornada de hoxe vén sumarse a outras iniciativas nas que a actividade xerada polos videoxogos está xa a ser tida en conta, tales como os apartados específicos reservados en encontros apoiados pola Xunta de Galicia a través de Micatlántica, Micsur, ou Culturgal, entre outros

No acto de apertura da xornada, promovida pola Consellería de Cultura e Educación co apoio do Igape; participaron tamén a xerente do Igapex, Mª Dolores García de los Huertos Vidal; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil.

Experiencias e mesa de debate

Ao longo da mañá os participantes na xornada afondarán na aplicación e uso dos videoxogos nos seus respectivos ámbitos profesionais. Así, o psiquiatra do Hospital de Día Complexo Hospitalario Universitario de Ourense Alejandro García Caballero exporá as posibilidades deste sector no e-motional training; mentres que o director do proxecto educativo Climántica, Francisco Sóñora, abordará o funcionamento do videoxogo CLMNTK, asociado a este programa.

Así mesmo, a responsable de comunicación de Sogama, Teri Campos, analizará o uso de videoxogos nos programas de reciclaxe que promove esta sociedade; e a pedagoga especialista en videoxogos e investigadora da USC Silvia López exporá diferentes experiencias das empresas con estes materiais. Ademais Cristina Márquez, técnica do plan galego anti VIH-SIDA, presentará na xornada ‘Sex invaders’, o sitio temático oficial en Facebook da Consellería de Sanidade para a prevención das infeccións de transmisión sexual (ITS).

O encontro rematará cunha mesa redonda na que os desenvolvedores expresarán a súa visión do presente o futuro da industria, que contará coa participación de Julio Casal (Ficción Producciones), Xosé Manuel Rey Piñeiro (Iberian Games), Ismael Faro (A Meiga), e estará moderada por Luz Castro, de Imaxin Software.

A xornada diríxese especialmente a xerentes, directores, responsables de departamentos de comunicación, de recursos humanos ou de publicidade de empresas de Galicia, así como a persoal das administracións públicas, responsables de centros de formación, grupos de investigación ou novos emprendedores de solución tecnolóxicas interesados en coñecer e afondar na potencialidade da tecnoloxía dos videoxogos.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (al-di-meola.jpg) O músico norteamericano acumula, entre outros logros, catro discos de ouro, dous de platino e máis de seis millóns de discos vendidos en todo o mundo. A lista de recoñecementos que recibiu ao longo dos anos é tamén extensa: entre outros, un doutor Honoris Causa do prestixioso Berklee College of Music, o Premio Honorífico Miles Davis outorgado polo Festival de Jazz de Montreal, un Premio á Traxectoria da BBC outorgado por sir George Martin en 2008 ou numerosos nomeamentos e premios Grammy. Al Di Meola, un auténtico xenio da guitarra e un prolífico compositor, acumula máis de 30 álbums como líder, ademais de moitos outros onde participou, con figuras como o supergrupo de fusión Return to Forever, o célebre Guitar Trio ou o trío Rite of Strings.
Foto de la tercera plana (sergas-mans.jpg) O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, subliñou o novo fito acadado pola atención primaria galega ao conseguir cubrir a totalidade das prazas de formación convocadas para a especialidade de medicina e de enfermería comunitaria, un total de 260. Segundo explicou, 'Galicia terá a maior cobertura de prazas de formación en atención primaria dos últimos anos', ao lograr cubrir 207 prazas na especialidade de medicina familiar e comunitaria e outras 53 no ámbito da enfermería. Caamaño destacou que este feito amosa que as propostas trasladadas polo Goberno galego ao Ministerio de Sanidade eran medidas necesarias e acertadas.

Notas

A Cátedra de Intelixencia Artificial en Medicina Personalizada de Precisión (CAME&IA), a única que en España se dedica ata o momento á IA aplicada á medicina personalizada, presentouse este mércores 29 no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo de xerar, nos vindeiros catro anos, novo coñecemento a través do uso de tecnoloxías intelixentes e a explotación avanzada de datos médicos para mellorar a toma de decisións clínicas.
Este venres 30 de maio, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se celebra por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero e comprende unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES