Notas de prensa

A Universidade de Vigo converte Lalín na capital galega da ciencia

Este venres 30 de maio, Lalín converteuse na capital galega da ciencia coa cuarta edición de ‘A ciencia que vén ten nome de muller’, unha expo-feira científica organizada pola Universidade de Vigo, que se celebra por primeira vez fóra das cidades que acollen os seus campus. O evento desenvólvese ao longo de toda a xornada no edificio sociocultural da rúa Manuel Rivero e comprende unha ampla e diversa programación de actividades científicas de carácter lúdico para todas as idades e intereses.

Preto de 30 obradoiros, stands interactivos, coloquios, espectáculos e actividades artísticas, coordinados por preto de 25 grupos de investigación, conforman a programación dun evento que arrancou na mañá deste venres coa visita de preto de 240 estudantes de sete centros de ensino do municipio e que pola tarde abre as súas portas ao conxunto da cidadanía.

Con actividades tanto nos espazos exteriores como interiores deste edificio sociocultural, ‘A ciencia que vén ten nome de muller’ ten como obxectivo achegar a ciencia á cidadanía, promover vocacións STEM entre a mocidade, especialmente entre as nenas, e visibilizar o papel das mulleres investigadoras da Universidade de Vigo. Organizada pola Unidade de Cultura Científica e da Innovación da UVigo, a feira insírese dentro das actividades do programa ‘Ciencia de Ida e Volta’ e conta co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) – Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades e da Deputación de Pontevedra, así como coa colaboración do Concello de Lalín.

Vocacións científicas e referentes femininos

Procedentes dos CEIP Varela Buxán, Xesús Golmar, Manuel Rivero, Xoaquín Loriga de Prado e Vicente Arias de la Maza, do colexio Sagrado Corazón-Scientia e IES Ramón María Aller Ulloa, preto de 240 estudantes de primaria e secundaria participaron esta mañá en visitas guiadas pola feira. Dirixido a que puidesen descubrir a ciencia desde unha perspectiva divertida e próxima, este evento permitiulles gozar con propostas como o ‘xogo do salmón’ ou outro centrado na fisioloxía dos peixes, da man de investigadoras e investigadoras do CIM, así como de experimentos sobre alimentación sostible ou sobre reaccións químicas e de actividades coas que exploraron os segredos da criptografía ou os usos das cámaras termográficas.

Este abano de obradoiros e actividades permitiu tamén aos e ás visitantes tocar réplicas de microfósiles, afondar nas aplicacións das xeotecnoloxías ou nas alternativas para a eliminación de contaminantes nas augas, da man de diferentes grupos do Cintecx, así como ver de preto o monopraza de UVigo Motosport, construído polo propio alumnado, ou os prototipos de material espacial achegados por investigadores de atlanTTic.

Por outra banda, o alumnado de secundaria participou tamén en dous obradoiros: un centrado na desinformación, no que aprenderon a detectar noticias falsas e contrastar fontes; e outro sobre ferramentas para exercer unha cidadanía crítica, ética e comprometida co desenvolvemento inclusivo. Ademais, todo o estudantado tivo a oportunidade de asistir ao espectáculo de danza contemporánea A conectividade que nos move, que afonda na interdependencia ecolóxica a través do movemento e a expresión artística.

Ciencia para un público familiar

Xa pola tarde, a feira abriu as súas portas ao público xeral, o que permitiu que á mocidade e ás súas familias puidesen participar nas iniciativas dos diferentes stands, así como gozar doutra serie de actividades, coma unha exposición itinerante contra a desinformación, un mural colaborativo sobre sostibilidade nos centros educativos ou un punto de troco de obxectos. Obradoiros sobre as aplicacións das matemáticas, a creación de libros de artista ou antigas técnicas de escritura formaban parte tamén dunha programación que se ve complementada, á súa vez, por unha serie de faladoiros e presentacións.

O broche final da feira porao o espectáculo teatral Elemental, protagonizado por Manuel Vicente, César Goldi e Juanjo Fernández, que mestura ciencia, humor e música. Xusto antes, a charla de clausura Fala que sente: percibindo emocións a través da melodía das linguas achegará o público, con interpretación en lingua de signos, ao estudo interdisciplinar das emocións e da linguaxe, da man da investigadora do Laboratorio de Linguaxe e Cognición Rosalía Rodríguez.

Previamente, o auditorio do edificio sociocultural acollerá, ás 19.00 horas, o acto de clausura desta feira, no que interveñen as vicerreitoras da Universidade de Vigo Belén Rubio, de Investigación e Transferencia, e Mónica Valderrama, de Comunicación e Relacións Institucionais; a deputada provincial de Igualdade, Sandra Bastos, e a concelleira de Igualdade, Carmen Canda.

Universidade de Vigo (UVigo), 2025-05-30

Actualidad

Foto del resto de noticias (museo_do_pobo_galego_2.jpg) Foi inaugurada no Museo do Pobo Galego a exposición 'Transfronteiriza', da artista e cineasta tudense Diana Gonçalves, que permanecerá aberta ao público ata o 28 de marzo de 2027. A mostra parte do documental 'Mulleres da Raia', da mesma autora, e froito de tres anos de investigación. A través da linguaxe cinematográfica, de materiais documentais, arquivos históricos e elementos patrimoniais, a proposta constrúe unha experiencia arredor da memoria compartida entre Galicia e o norte de Portugal. En concreto, Transfronteiriza recupera a memoria das mulleres que viviron na fronteira entre ambos territorios a mediados do século XX, que desempeñaron un papel fundamental no comercio transfronteirizo e na supervivencia económica das familias.
Foto de la tercera plana (cdc-00.jpg) Trátase dunha iniciativa que nace como evolución de Circo Presente Continuo e que se vai desenvolver por primeira vez fóra de Madrid. A Cidade da Cultura, o Teatro Principal e o Salón Teatro serán as súas sedes na capital galega, reunindo artistas, compañías, profesionais da programación, distribuidoras e institucións para compartir proxectos e favorecer novas oportunidades de colaboración e contratación. O programa inclúe oito espectáculos, seis mostras breves e catro traballos en proceso. Entre as propostas figuran Naufragio, de Labsurda; Serena, de Circ Bover; Matrimonio, de Kolektivo Konika; Siku, de Jessica Arpin; e Sen patrón, de Pistacatro, que ofreceu un adianto artístico durante a presentación.

Notas

O concerto de Sofía Ros na Casa do Saber do Campus de Lugo este luns, 26 de outubro, ás 20.15 horas, abre unha nova semana ateigada de citas culturais na USC. Música, diversos faladoiros, así como proxeccións audiovisuais integrarán os vindeiros eventos do Outono Cultural. Ese mesmo 26 de outubr,o no Pazo de Montenegro, a partir das 17.30 horas, desenvolverase o primeiro dos encontros 'Memoria democrática'. María Valcárcel, profesora da USC e periodista cultural, é a persoa coidadora deste proxecto. O acceso require inscrición previa.
A música folk será neste 2026 a gran protagonista do ciclo Música para reCREAr, que a Vicerreitoría do campus promove coa colaboración do Concello de Pontevedra, ao abeiro dun convenio de colaboración. Esta programación botará a andar este xoves 29 de outubro, ás 20.30 horas, no Pazo da Cultura, cunha actuación do grupo Caldo, mentres que o 12 de novembro, á mesma hora, poderá coñecerse o proxecto musical do dúo Abril.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES