O Premio de Poesía Cidade de Ourense xa ten obra gañadora. Trátase de Silencio Percutido, escrito pola coruñesa Eva Veiga Torre. O xurado chegou a esta conclusión tras unha ampla deliberación, dando conta dos corenta e seis exemplares presentados nesta edición.
O xurado chegou a esa determinación por unanimidade, tras valorar a intensidade dun discurso lírico que incorpora, dentro dunha poética do silencio, matices de fonda reflexión e sensorialidade, mantendo en todo momento un exercicio de linguaxe e depuración expresiva. Nesta trixésima primeira edición participaron como xurado: Irene Veiga Durán, Miguel Anxo Fernán Vello, Edelmiro Vázquez Naval, Rochi Nóvoa e Xavier Rodríguez Baixeiras - como gañador da edición anterior -. A técnica de normalización lingüística do Concello de Ourense Mónica Fernández Valencia, actuou como secretaria e o concelleiro de Cultura, Francisco González Bouzán, foi o presidente do xurado.
O certame está dotado cun premio de 6.000 euros e a publicación do libro.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.