Notas de prensa

A Radio Galega (RG) convoca o IX Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico

Favorecer a escrita dramática en galego e reactivar a radio como soporte artístico da creación contemporánea son os principais obxectivos do certame, dotado con 6.000 euros. Os traballos finalistas emitiranse durante o outono na programación da Radio Galega e serán publicados nun libro-CD. As bases pódense consultar nas webs www.crtvg.es e www.cultura.gal.

A Radio Galega organiza, co apoio da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico, unha iniciativa que pretende fomentar a escrita de textos dramáticos para a radio, facilitar o diálogo entre autores e autoras e o medio radiofónico, divulgar a escrita teatral galega, promover o encontro entre a audiencia e o teatro e contribuír á recuperación do formato de teatro radiofónico desde unha perspectiva contemporánea.

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a responsable de Programas da Radio Galega, Gloria Ferreiro; e a xornalista e escritora Ana Romaní, condutora do Diario Cultural, presentaron esta mañá na Cidade da Cultura as bases da nova edición do certame, que se desenvolverá ao longo dos vindeiros meses de outubro, novembro e decembro de 2015.

O xurado, integrado por profesionais do mundo da escena e da radio, seleccionará dos orixinais presentados as obras finalistas, que serán dramatizadas para a súa emisión por un elenco de actores e actrices. Como novidade nesta edición, as bases introducen que se fará publica a autoría das obras finalistas.

Desde a perspectiva da creación literaria, o Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico “permítenos facer entrar os textos a través da escoita, universalmente; de aí tamén a importancia que ten este certame, sobre todo, porque en moi poucos medios de comunicación teñen cabida experiencias e proxectos deste tipo, centrados no estímulo da creación dramática en galego”, afirmou Anxo Lorenzo.

Segundo asegurou, “a traxectoria deste premio demostrou que existe un interese do público neste formato, xa menos frecuente nas programacións; e, desde logo, un interese dos autores de textos, seducidos por esta maneira distinta de escribir diálogos, e con resultados excelentes”. “Unha forma diferente –engadiu– de facer teatro radiofónico que contribúe a estimular a aparición de novos autores, novos textos dramáticos e, ao mesmo tempo, a rexenerar o formato radiofónico do teatro”.

Emisión das dramatizacións

As dramatizacións emitiranse nos distintos programas da Radio Galega. Entre as emitidas o xurado escollerá a obra galardoada co premio do xurado e a audiencia votará a obra que recibirá o premio do público. Cada un dos premios está dotado economicamente con 3.000 euros.

O prazo de presentación de orixinais da novena edición do Premio Diario Cultural de Teatro Radiofónico rematará o 15 de setembro de 2015 e as bases pódense consultar nas webs www.crtvg.es e www.cultura.gal

Novo volume da colección do premio

Coincidindo coa apertura da nova convocatoria do certame tamén se presentou durante a rolda o libro-CD coas obras finalistas da oitava edición do premio. Na rolda de prensa participou o xornalista César Carracedo, gañador do premio do xurado en 2014 pola obra ‘Explotados’. O seu traballo viu a luz nun novo volume da colección Diario Cultural de Teatro Radiofónico xunto con ‘A primeira vez’, de Carmen Blanco, premio da audiencia; e das obras finalistas ‘Para o norte’, de Marcos Abalde Covelo, e ‘A guerra silenciosa’, de Fernando Epelde.

O libro inclúe un CD coas adaptacións radiofónicas das obras, a cargo de Cristina Domínguez, e que foron interpretadas por César Goldi, Machi Salgado, Mónica García, María Llanderas e Aarón Gómez Gallego, coa realización técnica de Chus Silva.

Traxectoria do certame

Dezaseis autores e autoras premiados e máis de 100 profesionais entre directores e directoras, actores e actrices, técnicos e profesionais da edición e da produción participaron desde o ano 2006 nesta iniciativa, que procura dar un novo pulo cun enfoque contemporáneo a un xénero cunha longa tradición na historia da radiodifusión.

David Rodríguez foi o gañador da primeira edición con ‘O Bambam’. A obra, interpretada por Luís Tosar e Luís Zahera, con dirección de Lino Braxe, recibiu tamén o premio da audiencia. Na segunda edición premiáronse as obras ‘O mal da vaca’, de Begoña García, premio do xurado, e ‘Saltimbanqui’, de Lois Pérez, premio da audiencia. Quico Cadaval dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Manuel Lourenzo, Susana Dans, Belén Constenla, Rebeca Montero, Marcos Orsi, Xan Cejudo, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’ e Fernando Pedrido.

Rubén Ruibal e César Candelas, autores de ‘Peter Buckley’, gañaron os premios do xurado e da audiencia na terceira edición. Candido Pazó dirixiu a adaptación radiofónica, interpretada por Santiago Cortegoso, Xosé Manuel Olveira ‘Pico’, Pepo Suevos, Miguel Varela e Marcos Correa. Na cuarta edición, a obra ‘Indoor’, de Vanesa Sotelo, recibiu o premio do xurado e ‘O vento da illa’, de Begoña García, o da audiencia. Ánxeles Cuña dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo, Nate Borrajo, Tito Asorey, Fina Calleja e Josito Porto.

Na quinta edición, o escritor Xosé Manuel Pacho Blanco gañou os premios do xurado e da audiencia coa obra ‘Paraísos’. Ana Vallés dirixiu a adaptación radiofónica interpretada por Laura Ponte, Mónica Caamaño, Margarita Fernández, Nuria Sanz, Manu Lago, Roberto Leal e Marcos Viéitez. Na sexta edición, a obra que recibiu o premio do xurado foi ‘Poema sinestésico para tres voces e un can’, de Eva F. Ferreira, e a galardoada co premio da audiencia foi ‘Intercom – baby’, de Santiago Cortegoso e Marián Bañobre. Evaristo Calvo dirixiu as adaptacións radiofónicas das obras, que foron interpretadas por Víctor Mosqueira, Paula Buxán, Marcos Correa, Borja Fernández, Rocío González, Nuria Sanz, Laura Ponte, Pilar Pereira e José L. López Sacha.

Raquel Marco Mejuto e Jesús Lista recibiron os premios do xurado e da audiencia polas obras ‘Chovencartos’ e ‘O demo nunca dorme’ na sétima edición. Mariana Carballal dirixiu as adaptacións radiofónicas interpretadas por Xosé Barato, César Cambeiro, Luísa Merelas, Celso Parada, Estíbaliz Veiga, Mela Casal, Belén Constenla, Afonso Becerra, Rocío González, Xosé Valiñas e Santiago Pemán.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-23

Actualidad

Foto del resto de noticias (fiv-vilalba-2026.jpg) O FIV de Vilalba volverá reunir na localidade lucense unha programación destacada da escena independente e alternativa estatal, cun cartel no que figuran nomes como Carlos Ares, Alcalá Norte, La M.O.D.A. e Ángel Stanich, xunto a outras propostas moi presentes no panorama actual como Repion, Puño Dragón, Celia Becks, Futuro Alcalde, Grande Osso e Rapariga DJ. A boa resposta do público nas últimas semanas confirma, ademais, a gran acollida desta edición, coa previsión de que Vilalba volva encherse de ambiente festivalero a próxima fin de semana. A programación do FIV de Vilalba desenvolverase entre o Escenario Vibra Mahou, o Escenario #Fiver by Lactalis e a Zona DJ, consolidando un formato que combina os grandes concertos nocturnos coa actividade diúrna do sábado.
Foto de la tercera plana (saude-medico.jpg) Galicia sitúase como a comunidade autónoma con menor porcentaxe de pacientes que agardan máis de 60 días por unha consulta co especialista. Así o referendan os datos publicados polo Ministerio de Sanidade sobre listas de espera no Sistema Nacional de Saúde a peche de 2025. Segundo os datos, en decembro de 2025 a comunidade galega situouse como a cuarta rexión española con mellores tempos medios de espera no ámbito das primeiras consultas. Neste eido, o Servizo Galego de Saúde rexistrou unha media de 63 días de espera, fronte aos 102 do Sistema Nacional de Saúde. Estas cifras reflicten que os galegos esperan 39 días menos para acceder a unha consulta co especialista que a media dos españois.

Notas

A Primavera Cultural da USC continúa agromando con múltiples propostas. Así, no Campus de Lugo, a danza, o teatro e a creación audiovisual protagonizan as citas máis inmediatas. Entre os días 19 e 23 de abril, regresa o Festival de Teatro Universidade a Lugo, na que será a súa trixésimo segunda edición. O certame de curtametraxes Findecurta mantén aberto o seu prazo de inscrición ata o 21 de abril. O día 24 realizarase a tradicional sesión informativa na Casa do Saber na que se lles explicará ás persoas participantes o reto desta edición do certame.
A Universidade de Vigo inaugurou a maior estación óptica terrea de España, consolidando así o seu liderado en comunicacións cuánticas vía satélite. Bautizada co nome de Antonia Ferrín, en homenaxe a quen foi a primeira astrónoma de Galicia, e situada na contorna da Facultade de Filoloxía e Tradución, 'o lugar máis idóneo de todo o campus para evitar turbulencias da canle atmosférica', o orzamento total para a posta en marcha desta nova infraestrutura situouse en torno aos 1,5 millóns de euros.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES