
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia a decisión conxunta da Fundación Gaiás e da Fundación Cidade da Cultura de Galicia de pór fin a un modelo baseado en dúas fundacións e apostar por unha única (a Fundación Cidade da Cultura). A solución consensuada entre a Xunta e os patronos privados permitirá unha xestión más eficiente, menos custosa e que seguirá a garantir o compromiso económico estable por parte destas empresas coa Cidade da Cultura.
O primeiro paso para levar a cabo esta integración adoptouse coa aprobación por unanimidade de todos os membros do padroado da Fundación Gaiás da disolución desta institución privada. A reunión do padroado estivo presidida por Miguel Ángel Escotet, director de Responsabilidade Social Corporativa e Comunicación de ABANCA e presidente da Fundación Gaiás, e contou con asistencia do conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, vicepresidente primeiro da fundación; e o conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, vicepresidente segundo.
Para materializar esta integración, as empresas que formaban parte da Fundación Gaiás solicitarán agora a súa incorporación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que adoptará as disposicións necesarias para darlles entrada. Estas empresas terán representación no padroado a través dun sistema de turnos: cada dous anos, tres delas estarán presentes neste órgano.
Continuidade do apoio económico
O capital xestionado ata agora pola Fundación Gaiás, procedente das aportacións iniciais das empresas e da Xunta de Galicia no momento da súa constitución, será transferido a un fondo que levará o nome de Fondo Gaiás e que será responsabilidade da Fundación Cidade da Cultura. O seu uso será exclusivamente o financiamento das actividades culturais que se organicen no Gaiás. Deste xeito, a Fundación Cidade da Cultura recibirá cada ano unha transferencia para este fin procedente deste fondo.
A decisión permitirá suprimir duplicidades, simplificar o modelo de xestión e garantir unha vía estable de financiamento baseada no capital privado. Do mesmo, supón unha adecuación á realidade actual -diferente ao momento no que se constituíu a Fundación Gaiás- xa que, por exemplo, un dos fins da Fundación Gaiás era precisamente a explotación do Teatro da Música, un dos dous edificios que non se construirán.
Ao garantir coa constitución do Fondo Gaiás unha vía de financiamento estable para o programa cultural da Cidade da Cultura, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria avanza na consolidación do Gaiás como un espazo e unha ferramenta eficaz para o desenvolvemento do sector e das industrias culturais galegas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.