
No acto participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, quen destacou o labor desenvolvido pola Escola Provincial de Gaitas da man de Xosé Lois Foxo ao longo de trinta anos, contribuíndo á dignificación e difusión do instrumento máis senlleiro de Galicia, algo que a Deputación de Ourense se sinte orgullosa de apoiar. Na presentación tamén participou o alcalde de Monterrei, José Luís Suárez, e o gaiteiro pontevedrés, Óscar Ibáñez, quen recalcou o valor que teñen este tipo de actividades co apoio da Deputación de Ourense, exemplo que deberían seguir outras institucións. Xosé Lois Foxo pola súa parte fixo énfase nos trinta anos de historia da Escola Provincial de Gaitas, o que marca un importante capítulo do desenvolvemento da provincia de Ourense. Para iso engadiu- desenvolveuse un sistema pedagóxico para o ensino da gaita con base no pentagrama que chegaría a todos os concellos da provincia e posteriormente a outros lugares de Galicia e centros galegos da emigración.
Nesta XXX edición participarán dende os Cigarróns de Verín, Gaiteiros de Flariz-Monterrei, Banda de Gaitas do Concello de Verín, Evgenia Panta (Grecia), Nova Era & Lapsus Gaita, Cantareiras da Real Banda, Banda de Gaitas do Riós, LixTrío, Dzianis Sukhi (Bielorrusia), Zampogneria Fiumerapido (Italia), Edelmiro Fernández e a Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense. O evento compleméntase con conferencias que terán lugar o día 13 de xuño ás 12:00 horas na Casa da Cultura de Verín, a cargo de Evgenia Panta e Alejandro Rizópulos, sobre a gaita nas illas gregas; Dzianis Sukhi, sobre a gaita en Bielorrusia, e o trío de música barroca Zampogneria Fiumerapido de Roma. Paralelamente haberá unha mostra fotográfica sobre o Museo Internacional de Cornamusas da Deputación de Ourense na sala de Exposicións de Verín aberta do 12 ao 15 de xuño. O 24 de xullo no contexto das festas da Ponte terá lugar a segunda xornada da XXX Xuntanza Internacional, rememorando a primeira edición da mesma que tivera lugar no ano 1985.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.