Notas de prensa

O Arquivo do Reino de Galicia recupera as fontes orixinais da causa contra Romasanta, o home lobo

Coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Arquivos, preséntase nha publicación co expediente completo deste caso do século XIX, o único coñecido en España dun proceso xudicial aberto a unha persoa por licantropía. A obra inclúe a edición facsimilar da recensión da causa publicada en 1859.

O Arquivo do Reino de Galicia recupera nunha publicación as fontes orixinais da causa contra Manuel Blanco Romasanta, coñecido como “o home lobo”, acusado no século XIX de varios asasinatos. O volume, que foi presentado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; polo presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), Miguel Ángel Cadenas; e pola directora do arquivo, Carmen Prieto, contén unha edición facsimilar da reseña da causa publicada en 1859, conservada no Arquivo do Reino de Galicia, na que o avogado Manuel Rúa Figueroa, que se encargou da defensa do reo, ofrece dun xeito resumido e cunha visión particular as partes máis representativas do proceso.

Baixo o título ‘Causa contra Manuel Blanco “o home lobo”. Expediente xudicial da Audiencia Territorial da Coruña’, a obra favorece o acceso das persoas interesadas ás fontes orixinais desta causa formada no xulgado de Allariz, que concluíu coa condena a cadea perpetua de Romasanta, malia que inicialmente fora condenado a morte. Para iso, ademais da reseña da causa, o volume tamén incorpora un CD coa copia dixitalizada do expediente xudicial orixinal completo da Audiencia Territorial da Coruña, xunto cun texto do presidente do TSXG sobre o procedemento penal do século XIX.

“A partir desta obra achegámonos á relevancia que tivo na súa época este acontecemento, que é o único caso coñecido en España dun proceso xudicial aberto a unha persoa por licantropía”, afirmou o secretario xeral, quen tamén fixo referencia ao caso como fonte temática de diversos traballos, como o discurso de ingreso de Vicente Risco na Real Academia Galega, en 1929.

Divulgar e poñer en valor o patrimonio documental

O titular de Cultura enmarcou a publicación da obra no interese de dar a coñecer e poñer en valor o patrimonio cultural galego, obxectivos que, segundo explicou, comparten o resto de actividades programadas polos arquivos da Xunta de Galicia para conmemorar o Día Internacional dos Arquivos, que se celebra o 9 de xuño, coincidindo coa data da creación do Consello Internacional de Arquivos, en 1948.

Conmemoración do Día dos Arquivos

Unha das iniciativas centrais da celebración é a exposición ‘Memorias de familia: O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia’, que se inaugura mañá martes, ás 13 horas, no Arquivo de Galicia, na Cidade da Cultura. Realizada a partir do primeiro arquivo privado que ingresou no Arquivo de Galicia, doado en 2010 á Xunta de Galicia polos irmáns Vilariño Pintos, de Santiago de Compostela, a exposición amosará desde o 9 de xuño ao 9 de setembro unha selección de documentos que se acompañan de fotografías cedidas pola familia para a ocasión, xunto con obxectos persoais e reproducións de documentos gráficos e en imaxes sobre a capital de Galicia, procedentes do Arquivo Histórico Universitario e do Museo do Pobo Galego.

O legado franciscano en Ourense

Pola tarde, ás 19:30 horas, o Arquivo Histórico Provincial de Ourense tamén inaugurará a exposición documental ‘O legado de Asís: franciscanos e clarisas en Ourense’. A mostra baséase na divulgación do patrimonio documental herdado dos conventos ourensáns da orde franciscana, un legado pouco coñecido que permite reconstruír o pasado destas comunidades e recuperar a memoria da súa dilatada presenza na cidade de Ourense, nas vilas de Allariz, Monterrei e Ribadavia e no lugar de Trandeiras (Xinzo de Limia).

Axenda de Cultura de Galicia

Xornadas de portas abertas e visitas guiadas, conferencias e obradoiros completan as actividades conmemorativas nos arquivos históricos provinciais de Lugo e de Pontevedra, así como nos arquivos administrativos da Xunta de Galicia, que se poden consultar na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES