
O encontro ten como obxectivo trasladarlles aos emprendedores musicais galegos os conceptos esenciais para iniciar un labor profesional no ámbito da música, mediante a identificación dun abecedario urxente para músicos emerxentes e a explicación das nocións básicas para desenvolverse no oficio da música. Ademais, os inscritos terán a oportunidade de solucionar dúbidas formulando as súas preguntas aos especialistas participantes.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, que participou na apertura do seminario xunto ao vicepresidente da Fundación Paideia Galiza, Guillermo Vergara, presentou a iniciativa como unha boa oportunidade para ofrecer unha visión práctica, e á vez documentada, do que ten que ser un emprendemento empresarial que facilite o acceso ao eido da música de xeito profesional.
Sutil dirixiuse aos asistentes para constatar o enorme potencial creativo que posúe Galicia, tanto na composición como na interpretación musical, e a necesidade de conducir e xestionar este potencial acertadamente para acadar o éxito de calquera carreira artística. Tamén se referiu á importancia do dominio de moitos dos contidos que se abordarán no seminario (management, autoxestión, plataformas musicais na Internet, redes sociais aplicadas á música, propiedade intelectual, contratos discográficos...) como factores clave para o desenvolvemento profesional.
Do local de ensaios aos escenarios
A continuación interveu Patricia Hermida, da asociación de mánagers MMF Spain, quen falou sobre as vantaxes das dúas formas de desenvolver unha carreira musical: contar cun axente profesional ou optar pola autoxestión. A xornada de hoxe inclúe o relato en primeira persoa de Eladio Santos, vocalista do grupo Eladio y Los Seres Queridos, quen compartirá cos presentes a súa experiencia no paso desde o local de ensaios ata os escenarios nacionais e internacionais. Á súa intervención seguiralle unha actuación en pequeno formato.
Mañá sábado 6 de xuño trataranse asuntos como a distribución de música nas canles de descarga dixitais e streaming, sesión na que participarán Rómulo Sanjurjo e Roi Maceda (de Dubidá Play), ou os dereitos de autor online e offline, a cargo de Juan Carlos Fernández Fasero, director da SGAE Zona Noroeste.
A última das charlas previstas versará sobre o papel da comunicación na estratexia de venda dun grupo musical, con especial referencia ás claves para xestionar as redes sociais e os soportes web. David Barajas, de Esgalla Comunicación & Marketing Digital, será o encargado de debullar estes contidos.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.