Notas de prensa

As novidades editoriais de Galicia, protagonistas da Feira do Libro en Ourense

A cidade das burgas acolle ata o domingo 7 de xuño unha mostra da produción editorial máis recente, xunto con diversas actividades para lle achegar á cidadanía o libro e a lectura. Baixo o lema A historia en letras, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde homenaxeado coas Letras Galegas 2015, as feiras do libro percorren Galicia.

As Feiras do Libro de Galicia 2015 chegan a Ourense coa produción editorial máis recente e cun completo programa de actividades para lle achegar o libro e a lectura á cidadanía. A trixésima primeira edición desta cita ourensá coa cultura foi inaugurada esta tarde na rúa do Paseo da cidade das burgas, “unha urbe que ten unha parte fundamental da súa historia nas letras e que conta cunha gran tradición de inquedanzas culturais e artísticas”, afirmou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

A Escola de Danza da Deputación de Ourense foi a encargada de abrir o acto de inauguración da feira, no que tamén interviron a presidenta da Federación de Librarías de Galicia, Pilar Rodríguez; o presidente da Agrupación de Libreiros de Ourense, José Manuel García Mosquera; o alcalde en funcións de Ourense, Agustín Fernández; e o escritor Alfonso Vázquez Monxardín, que foi o encargado de ler o pregón.

Na súa intervención, Anxo Lorenzo asegurou que Galicia “conta cunha oferta da mellor calidade bibliográfica, en canto a contidos, capacidade creadora e ambición editorial, que queremos dar a coñecer, xunto con diversas propostas para todas as idades centradas no libro e na dinamización da lectura”.

Ao longo da semana, a rúa do Paseo será o escenario de contacontos, obradoiros, propostas musicais e teatrais xunto con presentacións e sinaturas de libros con autores como Vázquez Monxardín, Patricia Cachero, Ramón Caride, Alejandro Mínguez, Ramón Caride, Pablo Rubén Eyre e Manuel Blanco Desar, entre outros. A este amplo programa contribuirá a Biblioteca Pública de Ourense, xestionada pola Consellería de Cultura e Educación, que conta cun espazo propio ao tempo que promove distintas actividades lúdicas para o estímulo da lectura.

Xunto coa biblioteca, tamén contan cun stand na feira A Serpe Edicións, Libraría A Nova, Libraría Cartabón, Libraría Espazo do Lector Nobel, Libraría Infantil e Xuvenil Zampacontos, Libraría Káthedra, Libraría La Viuda, Libraría Padre Feijóo, Libraría Pedreira, Libraría Platero, La Librería e a Deputación Provincial de Ourense.

Calendario 2015

Baixo o lema ‘A historia en letras’, en homenaxe ao escritor, historiador e profesor Xosé Filgueira Valverde –ao que a Real Academia Galega lle dedica este ano o 17 de maio–, as Feiras do Libro de Galicia iniciaron o pasado 14 de abril en Pontevedra a edición de 2015, que percorrerá un total de 12 concellos das catro provincias galegas ata o mes de agosto.

Logo do seu paso por Pontevedra, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, as feiras chegarán, xa no verán, a Vigo, do 3 ao 12 de xullo, para despois continuar nese mesmo mes por Ribeira, do 16 ao 19, e mais por Rianxo, do 23 ao 26. En agosto regresará a Feira do Libro da Coruña, que se celebrará do día 1 ao 10. A continuación, a provincia lucense acollerá as tres últimas citas deste ano, nos concellos de Viveiro, do 13 ao 16; de Foz, do 20 ao 23; e, finalmente, de Monforte de Lemos, onde terá lugar do día 26 ao 29.

O calendario das Feiras do Libro de Galicia está accesible na Axenda de Cultura de Galicia, en www.cultura.gal

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES