Notas de prensa

Agadic cofinancia o 15º macroencontro de cultura urbana O Marisquiño de Vigo

Agadic apoia a celebración da décimo quinta edición do festival de cultura urbana Arnette O Marisquiño’ que se desenvolve en Vigo entre os próximos días 7 e 9 de agosto, na que se dan cita milleiros de afeccionados e profesionais das distintas disciplinas deportivas, que gozan tamén das diversas propostas culturais, sobre todo concertos musicais, deste evento.

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia a celebración da décimo quinta edición do festival de cultura urbana Arnette O Marisquiño, que se desenvolve en Vigo entre os días 7 e 9 de agosto. Así o recolle o convenio de colaboración asinado en Santiago entre Jacobo Sutil, director da Agadic, e Carlos Domínguez, administrador de Ulises Poyect Eventos Especiales, empresa promotora do encontro.

O texto rubricado na Cidade da Cultura fai referencia a ‘O Marisquiño’ como a gran cita da cultura urbana no norte peninsular, na que se dan cita milleiros de afeccionados e profesionais das distintas disciplinas deportivas, que gozan tamén das diversas propostas culturais, sobre todo concertos musicais, que se inclúen neste evento.

Recoñece, así mesmo, o esforzo dos organizadores por contar cunha ampla participación nacional e internacional de calidade, así como pola transmisión de valores de xuventude, modernidade, amizade, creatividade e riqueza cultural, creando deste xeito unha marca con personalidade propia, construída desde a coherencia e a credibilidade e mediante unha ampla programación cultural.

O XV Festival ‘Arnette O Marisquiño’, desenvolverase no recinto portuario que abrangue a estación marítima e o peirao de transatlánticos de Vigo, onde se dan cita espectadores de todas as idades para seguir as actividades propostas.

Entre as previstas para este ano destaca a homenaxe que se renderá ao mundo do skate, disciplina que deu orixe ao evento hai quince anos, e que neste 2015 reunirá os ‘riders’ máis destacados do mundo, como encontro incluído por segundo ano consecutivo na World Cup Skateboard. As probas de pilotos de BMX Street, BMX Flatjam, Mountain Bike, B-Boying, Motocross-FMX, as demostracións de graffiti, as sesións dj’s, así como os concertos de carácter gratuíto que se ofrecen desde o seu escenario musical son os principais reclamos deste festival, cuxa programación completa será presentada en rolda de prensa este xoves en Vigo.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-06-01

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES