Notas de prensa

O profesor de Filosofía, Manuel Regueiro Tenreiro, rescata o texto da conferencia de Filgueira Valverde en Radio Lugo en 1936

Filgueira Valverde, homenaxeado coas Letras Galegas 2015, pronunciaba esta conferencia en Radio Lugo no ano 1936 pedindo o voto no nome das Dereitas Galeguistas para o Estatuto de Galicia. O profesor Manuel Regueiro recuperou este documento e o publica en Galiciadixital.com

18-xuño-1936: Conferencia-mitin de Filgueira Valverde en Radio Lugo sobre a posición da Dereita Galeguista diante do Referendum do Estatuto de Galicia:

O 18 de xuño de 1936, cando non tiña aínda cumpridos trinta anos, o xa catedrático de Literatura do Instituto de Ensino de Medio de Lugo, Xosé Filgueira Valverde, pronunciou unha encendida conferencia-mitin a través das antenas de Radio Lugo, EAJ-68, pedindo o voto no nome da Dereita Galeguista para o Estatuto de Autonomía de Galicia, que se ía votar en referéndum o 28 daquel mesmo mes.

O catedrático de filosofía Manuel Regueiro Tenreiro, na actualidade xubilado, xunto con Fernando Regueiro Pérez, pescudou nos fondos do Museo Provincial de Pontevedra, Arquivo Filgueira Valverde, onde se conserva o texto manuscrito –con emendas e tachaduras- desta conferencia, que revisou e analizou, conseguindo rescatar o texto orixinal, que ofrece ao público en xeral, e de xeito especial aos estudosos da figura de Filgueira, precisamente con motivo de serlle dedicado este 2015 o Día das Letras Galegas. Pode accederse a este texto no portal www.diadasletrasgalegas.com de Galicia Digital (Filgueira Valverde), tanto ao orixinal facsímil como á súa transcrición e análise.

Como conselleiro da Federación de Forzas Galeguistas de Dereitas de Galicia, Filgueira defende o voto a favor do Estatuto, baseándose no “sentido cristiá da vida”, xa que aquelas dereitas asimilaban “a doutriña ideolóxica dos cristiás para a defensa esgrevia da libertade e da personalidade”.

Para Filgueira e os seus, a patria –o nazonalismo- é o afincamento no chan nativo, na caste e no fogar, na vella lengua e no costume antergo, na historia propia e no propio arte”. E fronte ao materialismo que non soña cun fogar familiar para os seus, entenden que hai que combatilo -non coa violencia senón- co “quentor agarimoso do chan nativo”, abogando por unha “terra patriarcal onde non haxa ricos nin pobres, onde a xente non é escrava do Estado nin da crase, viva leda e feliz”.

Menciona (hai 79 anos!!!) como exemplo a “Ucrania, que afrolece no ermo da Rusia soviética”, e arenga aos que queiran escoitalo chamando polo “orgullo, a dignidade, o dereito e o deber” de votar polo Estatuto xa que, “aínda que non fose galeguista nin galego, votaria o Estatuto pola ledicia de que o pobo galego gobernando ben, demostrase que non hai motivos para telo preterido, e que “se algo hai que corrixir no pobo galego, corrixámolo, educándoo a andar polo seu pe, anque algúns nos esnafremos de camiño”.

Anima aos galegos a votar o Estatuto “cun nudo na gorxa, como quen sae do fogar para unha nova vida e sente sobre si a anguria da responsabilidade, a anguria do futuro”.

Afirma Filgueira que “nós, os que no Estatuto pedimos a Autonomía, non somos un pobo de separatistas. Non sabemos o que é o separatismo. Somos o berce do Estado, a célula de formación histórica e social da “[gran] Hispania maior”, nesta gran hispanidade Galicia debe abrirse porque “ten diante de sí, agardando de novo a sua fala xenerosa ás terras de Portugal, i- as terras da Hespaña a xunguirse nunha superior solidaridade superestatal”.

Nós, afirma, “non loitaremos por gobernar senón porque Galicia sexa gobernada”. E pide que se vote “por puro amor á terra, por auténtico e calado patriotismo, ese si que en vós é un asentimento aos mandados da tradición”, para que o Estatuto “sexa unha reintegración de Galicia ao seu propio ser histórico”.

Esta xoia da nosa historia e da nosa cultura está publicada tamén na web www.radiolugo.info, da emisora lucense onde orixinariamente se emitiu esta chamada ao voto das dereitas galeguistas a prol do Estatuto de Galicia, plebiscitado o 28 de xuño de 1936.


Manuel Regueiro Tenreiro, 2015-05-27

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES