
A (S8) Mostra de Cinema Periférico da Coruña desvelou o programa completo da súa sexta edición, dedicada a Brasil, á que se suma a visita do cineasta de São Paulo Marcos Bertoni dentro do ciclo de cine carioca Paraíso do concreto e como parte dun extenso programa de proxeccións e demais actividades que se desenvolverán do 3 ao 7 de xuño.
O certame, cofinanciado pola Xunta de Galicia, organiza tamén un encontro de programadores procedentes de relevantes festivais de cinema de fóra de España e reunirá algunhas das voces máis importantes do cine experimental e performativo a nivel internacional, con especial atención á vangarda cinematográfica de Brasil, país convidado nesta nova entrega do evento.
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria volve colaborar coa (S8), que é un dos seis festivais audiovisuais subvencionados en 2015 pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e que conta tamén co apoio do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) como unha das súas cinco sedes locais.
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou esta mañá no acto de presentación de toda a carteleira xunto ao director da (S8), Ángel Rueda, o coordinador da Área de Cinema de AC/E (Acción Cultural Española), José Manuel Gómez, e os responsables dos outros catro espazos da cidade que acollerán o certame: sede Afundación, Museo de Arte Contemporánea (MAC) Gas Natural Fenosa, Fundación Luis Seoane e Teatro Colón, escenario este último que o 31 de maio ofrecerá a gala inaugural, coa proxección da versión restaurada de El Gabinete del Dr. Caligari.
Ken Jacobs no CGAI
Na súa intervención, Sutil especificou a programación que acollerá a sala de proxeccións do CGAI, como son os pases dedicados ao cineasta neoiorquino Ken Jacobs (un dos principais reclamos da Mostra deste ano), a produción galega de curtametraxes asinados por Miguel Mariño ou Carla Andrade nunha sesión do apartado Sinais en curto, ou a xornada dedicada ao festival 25 FPS de Zagreb (Croacia), convidado desta sexta entrega do (S8). Avanzou tamén que o día 5 de xuño se proxectará na filmoteca galega Límite, de Mário Peixoto (considerada por moitos a mellor película brasileira de todos os tempos), nunha tarde dedicada ao cinema de autor que se completará co visionado de Jet lag, do realizador galego Eloy Domínguez Serén.
O director da Agadic explicou que esta participación do CGAI na (S8) insírese na dinámica emprendida cos principais festivais de cine galegos (como son os casos do Freakmacine, o Play-Doc, Cineuropa, etc.) nun intento dixo de espallar aínda máis o labor que estes certames realizan a prol da difusión dos distintos estilos e formatos do xénero audiovisual. Lévase a cabo, ademais, desde un espazo público que está a disposición do cinema e de todos os galegos e as galegas durante todo o ano, cunha media de máis de 350 títulos proxectados nos nove meses e medio que comprende cada temporada, engadiu.
Heroe do Súper 8 brasileiro
A (S8) dará a benvida na súa sexta edición ao polifacético e iconoclasta Marcos Bertoni, considerado un auténtico heroe do Súper 8 brasileiro, autor dun cinema moi persoal, cheo de subversión e humor, que desembocaría no que bautizou como Dogma 2002, unha evolución en ton de parodia do Dogma 95 danés desenvolvido baixo a máxima de Prohíbese filmar. Permítese reciclar, montar, dobrar. Sempre en Súper 8.
A presenza brasileira na 6ª (S8) estenderase ao ciclo Paraíso do concreto, unha selección de filmes realizados entre 2008 e 2015, a maioría en Súper 8, de formas e temas heteroxéneos. Nesta escolma atópanse títulos tan diversos como O inverno de Zeljka, Sacris Pulso, Brasiliários ou Project 3, pero unidos polo denominador común do seu vínculo coa vangarda artística brasileira asociada ás grandes urbes (en portugués, concreto é sinónimo de formigón), en contraposición ao clixé das selvas tropicais e as praias paradisíacas co que se asocia a imaxe do país.
Outras das novidades do apartado didáctico da Mostra de Cinema Periférico de 2015 será Aula Crea, un programa de formación de alto nivel organizado pola Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA), no que se sitúa a conferencia experimental Os Ratos, a cargo do colectivo brasileiro Distruktur.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.