
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a licitación pública do servizo de deseño, construción, montaxe/desmontaxe, equipamento, transporte, almacenaxe, mantemento e servizos complementarios do stand da Xunta de Galicia na Feira do Libro de Bos Aires 2016, onde Santiago de Compostela será a cidade convidada.
As empresas interesadas en presentar as súas ofertas terán un prazo máximo de 15 días naturais, contados a partir de mañá mércores e deberán presentalas no Rexistro Xeral da Xunta, en Santiago de Compostela. Os pregos relativos a esta contratación, cun orzamento base de licitación de 70.000 euros, IVE incluído, pódense consultar en http://www.contratosdegalicia.es/resultado.jsp?N=22620.
Na súa recente viaxe á cidade bonaerense, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, recolleu a testemuña de México DF a Compostela como cidade convidada en 2016. Este convite suporá para Galicia unha grande oportunidade á hora de difundir a obra das autores e autores galegos no exterior e das editoriais, así como para reforzar os lazos entre a Comunidade e a coñecida como quinta provincia galega.
Galicia levará a Bos Aires unha programación que ocupará un lugar destacado na feira, o que favorecerá a proxección da cultura galega no mercado literario de América Latina. É, por tanto, un escaparate de excepción para as nosas letras, posto que se trata dun evento que cada ano reúne máis dun millón de visitantes.
Nesta edición, a Comunidade Autónoma estivo presente na feira internacional a través de cinco editoriais: Alvarellos, Bululú, Galaxia, MC Sport e Nova Galicia Edicións. Ademais, a Xunta tamén colaborou enviando libros dos selos Rinoceronte, Galaxia, Trymar, Sotelo Blanco, Xerais e Linteo.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.