
O Salón Teatro de Santiago acolle o venres 22 de maio, ás 21.00 horas, un concerto de pop-rock a cargo de Jacobo Paz & Dos Mundos, co que se presentará en Compostela a nova plataforma galega de xestión cultural Elijomisartistas.com. O recital, que conta co apoio da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, celebrarase a beneficio da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas (Fegerec).
Elijomisartistas.com, empresa seleccionada polo programa Open Future da Xunta de Galicia e Telefónica, propón un innovador xeito de organizar eventos culturais, que se levan a cabo despois de ter conseguido o interese dos destinatarios. Estes teñen que reservar a súa entrada de antemán, co obxectivo de propiciar a actuación na súa localidade dos artistas rexistrados previamente na plataforma web. Garántese, así, a máxima ocupación nas actividades, que comezan a producirse unha vez obtida a demanda suficiente para completar ou superar o seu custo.
O público decide
Deste xeito, conséguese incidir de forma directa na dinamización cultural de cada concello, ao tempo que se concede un papel protagonista ás preferencias do cidadán e se colabora con causas benéficas, empresas e institucións.
Elijomisartistas.com, compañía que coordinan desde A Coruña Roberto Caínzos e Javier Capelán, pero activa para toda España, está a desenvolver na actualidade unha primeira fase de implantación cara a acadar a inscrición de máis de 5.000 artistas e de 50.000 usuarios na súa plataforma dixital. A súa meta é a promoción nun futuro dunha media de 1.100 eventos anuais
Volta aos escenarios con novo disco
O concerto de Jacobo Paz & Dos Mundos, que contará tamén coa participación de Al Vila como artista convidado, será o primeiro evento promovido en Santiago por Elijomisartistas.com. Suporá tamén o retorno aos escenarios do intérprete coruñés, quen volve poñerse á fronte da súa banda para presentar un adianto do seu último disco, actualmente en proceso de gravación, ademais de interpretar outros coñecidos temas anteriores.
Centrado nos último anos no seu labor como produtor musical desde o seu propio selo discográfico, Paz&Records, Jacobo Paz posúe unha longa traxectoria como autor e intérprete musical, iniciada hai quince anos coa súa ópera prima, Buscando pistas.
Entre os logros de Jacobo Paz & Dos Mundos como formación, destaca o de gañar o II Concurso Rock da Deputación da Coruña. En 2012 sacaron ao mercado 23, un primeiro traballo composto de cancións rockeiras e frescas, con temas cheos de sentimento e letras poéticas que reflicten experiencias vitais, principal fonte de inspiración do autor.
As entradas para este concerto poden adquirirse ao prezo único de 6 euros a través do web www.elijomisartistas.com.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.