
A fotoxornalista madrileña Eva Garrido propón na exposición Ecos unha viaxe da man da etnia uigur de China, as mulleres de India e os nenos e nenas de Etiopía para non esquecer realidades que quedan polo camiño cando estes países alcanzan o protagonismo das conversas en Occidente.
Con esta mostra, que se pode visitar ata o 30 de xuño, o proxecto campUSCulturae pretende chamar a atención sobre os pobos esquecidos e contribuír á súa inclusión e visibilidade. A sida, aulas de ensino, rostros de mulleres, mercados, rúas con vida... imaxes todas elas que converten o Claustro do Colexio de Fonseca no corazón do mundo, como dixo Xosé Antonio Neira no acto de inauguración.
Instantáneas de realidades descoñecidas coas que a autora quere apelar á concienciación non só das persoas senón tamén dos medios de comunicación, que son instrumentos útiles para mostrar que outros mundos existen e que só dende a diversidade nos podemos entender, manifestou a xornalista.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.