A Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación abriu ao público a sección do seu web lingua.gal dedicada a difundir a obra do autor homenaxeado este ano polas Letras Galegas, co dobre obxectivo de divulgar o traballo que, con motivo do 17 de maio, realizan os centros educativos e nomeadamente os equipos de dinamización da lingua galega e mais de poñer a disposición do profesorado recursos para dar a coñecer nas aulas a obra de Xosé Fernando Filgueira Valverde.
Os materiais aos que, dende hoxe, se pode acceder en lingua.gal inclúen unha biografía do autor homenaxeado polas Letras Galegas; as unidades didácticas e carteis en formato dixital das exposicións Traballando co vello profesor e Filgueira rima con Armenteira, gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2015 e que xa foron enviadas en papel a todos os centros educativos galegos; diversos materiais, case todos interactivos, elaborados polos equipos de dinamización da lingua galega para difundir a obra de Filgueira e ligazóns a recursos de interese, como o web da Fundación Filgueira Valverde e da Real Academia Galega. Tamén se pode acceder á lista dos autores homenaxeados nos 52 anos de celebración do Día das Letras.
Nas próximas semanas esta selección irase arrequecendo con material audiovisual e outros recursos en formatos diversos co fin de incrementar as posibilidades de divulgación da vida e a obra do autor pontevedrés.
Filgueira Valverde
Xosé Fernando Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996) é o autor a quen se lle dedica este 2015 o Día das Letras Galegas. Escritor, profesor e polígrafo galeguista, ao longo de máis de 70 anos despregou unha fecunda e ininterrompida actividade intelectual centrada en Galicia, a súa lingua, literatura e cultura. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Padre Sarmiento e da Real Academia Galega. Dirixiu o Museo de Pontevedra e presidiu o Consello da Cultura Galega. Publicou máis de 300 obras e milleiros de artigos sobre as máis variadas disciplinas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.