Notas de prensa

O XI Congreso Internacional da AIEG concentra en Bos Aires a galicianistas do mundo

A mostra "53 páxinas das nosas letras" pódese visitar na capital arxentina ata o 3 de maio, na Sala Luís Seoane do Centro Galicia de Bos Aires. “Os estudos galegos ante o cambio social e cultural: identidades na fronteira, emigración e exilio” é o tema central do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) na Arxentina.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no Teatro Castelao de Bos Aires na apertura do XI Congreso Internacional da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG), que organiza a devandita asociación. Baixo a temática “Os estudos galegos ante o cambio social e cultural: identidades na fronteira, emigración e exilio” desenvolverase na capital arxentina durante tres días congregando un importante número de galicianistas chegados de todo o mundo.

O secretario xeral de Política Lingüística quixo lembrar a figura do profesor Filgueira Valverde –a quen se lle dedicará o próximo Día das Letras Galegas-, tan relevante en tantos campos dos estudos galegos, pero recoñeceu que “un só home –mesmo un home da súa vasta cultura- non sería abondo para chegar á profundidade e cantidade dos estudos galicianistas actuais. En só unhas décadas, a investigación xurdida á calor do interese espertado fóra da nosa comunidade arredor da lingua e da cultura de Galicia multiplicouse e púxose á altura de estudos de longa tradición”. Nesta mesma liña, destacou que “o galeguismo sempre estivo aberto ao mundo e os homes e mulleres da xeración de Filgueira apostaron en todo momento por exportar a nosa lingua e cultura e por incorporar as achegas que, desde fóra das nosas fronteiras, se lles puidesen facer a elas, tal e como fai hoxe a Asociación Internacional de Estudos Galegos”.

Valentín García indicou que “as achegas que, desde culturas diversas, fan os investigadores aos estudos sobre a lingua e a cultura de Galicia son fundamentais para afondarmos no coñecemento de nós mesmos, do noso pasado, do noso presente e, polo tanto, das nosas potencialidades de cara ao futuro. Contribúe tamén á nosa autoestima colectiva o ver a relevancia que adquiren fóra de Galicia fenómenos lingüísticos, obras literarias, feitos históricos... que nós non sempre valoramos, probablemente por seren tan próximos, naturais e cotiáns que a súa singularidade nos pasa desapercibida”.

’53 páxinas das nosas letras’, en Bos Aires

A cidade de Bos Aires, cerna dunha das comunidades máis vizosas da diáspora galega, acolle este encontro coincidindo co trixésimo aniversario da AIEG. No marco deste XI Congreso Internacional inaugurarase hoxe a mostra “53 páxinas das nosas letras” no Centro Galicia, en cuxa Sala Luís Seoane se poderá visitar ata o vindeiro 3 de maio.

Con ela, a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, o Parlamento de Galicia e a Real Academia Galega réndenlle homenaxe aos autores e autoras ás que se lle dedicaron as Letras Galegas desde 1963. A mostra chega a Bos Aires logo de percorrer diferentes localidades de Galicia e de España.

XI Congreso Internacional da AIEG

A AIEG leva a Bos Aires a undécima edición do seu Congreso Internacional, no que a asociación conta coa colaboración da Xunta de Galicia. No marco do encontro, galicianistas chegados de todo o mundo analizarán e debaterán arredor da apertura dos estudos galegos á análise dos fenómenos de transculturalidade e dos procesos de cambio social e cultural, tanto por medio da atención a obxectos culturais emerxentes como por medio da adopción de ferramentas de análise que favorezan as perspectivas comparadas. Así, ata o 8 de abril, o congreso abordará as relacións interculturais e as dinámicas de cambio social vinculadas a elas no contexto da globalización.

Logo do acto de apertura, a investigadora María Rosa Lojo foi a encargada de pronunciar a conferencia inaugural. Xa pola tarde, a sede do congreso trasladarase ao Instituto de Altos Estudios Sociales (IDAES) e este espazo e outros da capital arxentina, coma o Instituto Galego-Arxentino Santiago Apóstol ou o Museo da Emigración Galega acollerán os diferentes paneis, mesas de relatorios e outras actividades programadas.

Pola súa banda, a Federación de Sociedades Galegas da República Arxentina acollerá este martes a asemblea xeral de socios e socias da AIEG, logo da conferencia plenaria “Entre unidade e imaxes de Galicia. As múltiples obras de Luís Seoane en Bos Aires” (1937-1979), da man de Silvia Dolink.

O mércores, as mesas de relatorios da última xornada daranlle paso ao ciclo de diálogos no que participarán José Colmeiro, Helena Miguélez e Gabriel Rei-Doval, antes da conferencia plenaria de clausura “Sempre en Bos Aires”, a cargo do profesor e académico da lingua galega Henrique Monteagudo. O programa completo do congreso pódese consultar aquí.

A AIEG

A AIEG é unha organización sen fin de lucro creada no ano 1985 e dedicada á promoción dos estudos galegos a nivel internacional coa vontade de propiciar o intercambio entre especialistas de diversas disciplinas que se ocupan da realidade galega e de fomentar a presenza da cultura galega no mundo, nomeadamente no eido académico.

Desde o primeiro dos seus encontros -celebrado no ano 1985 na Universidade de Maine-Orono, nos Estados Unidos- organiza con periodicidade trianual un congreso internacional que lles dá oportunidade aos galicianistas de todo o mundo de compartiren os seus traballos e de reflexionaren sobre a realidade galega.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-04-06

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
Una ducia de proxeccións e cinco persoas convidadas conforman o menú da 34ª edición da Semana de Cine Submarino da UVigo, que se celebrará entre os días 3 ao 5 de novembro no auditorio da Afundación. Producións internacionais e nacionais volverán encher de público o auditorio vigués, que acollerá nunha sesión matinal a centos de escolares da provincia, e que poderá somerxerse nas profundidades das augas das Maldivas, do Caribe ou da costa norte galega.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES