Notas de prensa

O CGAI conmemora o Día Internacional da Muller cun ciclo arredor das olladas femininas no cinema

Dedícase un apartado ás creadoras galegas con ‘Muller(es)Muller’ de Inés Pintor, ‘O tesouro de Corcoesto’ de Cora Peña e a fita ‘Se dice poeta’, na que participan as autoras Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) programa ata o sábado 7 de marzo unha nova edición do seu ciclo ‘Olladas de mulleres no mundo’, organizado xunto ao Consello da Cultura Galega con motivo da conmemoración o 8 de marzo do Día Internacional da Muller. Este especial abre a carteleira marzo-abril na sede coruñesa da Filmoteca de Galicia con seis títulos que, pola súa autoría ou temática, nos achegan unha perspectiva feminina do cinema e entre os que se atopan tres fitas dedicadas a creadoras galegas.

‘Olladas de mulleres no mundo’ dá comezo o 3 de marzo cunha sesión dobre, ás 18.00 e ás 20.30 horas, do único título de dirección masculina incluído nesta serie: ‘Dos días, una noche’, unha película dos irmáns Dardenne sobre a situación laboral das mulleres durante a crise e pola que Marion Cotillard foi candidata a mellor actriz na pasada edición dos Premios Oscar.

O naturalismo dos belgas Jean-Pierre e Luc Dardenne, que lles valeu a Palma de Ouro de Cannes en dúas ocasións, enlaza co do filme francés ‘Mil noches, una boda’, de Marie Amachoukeli-Barsacq, Claire Burger e Samuel Theis, que poderá verse mañá mércores tamén en sesión dobre. Neste caso, ofrécesenos o retrato dunha muller libre de 60 anos para abordar as complexidades dos afectos e a influencia do contorno social. A achega internacional a este ciclo complétase coa longametraxe ‘Amor Fou’ (venres 6, ás 18.00 e ás 20.30 h), na que a directora Jessica Hausner traza un lúcido e orixinal relato a partir da historia do poeta tráxico Heinrich von Kleist e a súa busca dunha compañeira para suicidarse en pleno Romanticismo alemán.

Creadoras Galegas de Imaxe

A representación galega neste ciclo vén da man de tres filmes agrupados baixo o subtítulo ‘Creadoras Galegas de Imaxe’, que se exhibirán en cadansúa sesión especial coa participación das propias autoras. Así, a directora Inés Pintor estará no CGAI o xoves 5, ás 18.00 horas, para presentar a fita ‘Muller(es)Muller’, producida por SocialDocs, na que amosa a vida e a evolución persoal e social de tres xeracións de mulleres dunha mesma familia. O mesmo día, ás 20.30 horas, Cora Peña será a encargada de introducir a proxección do seu ‘Tesouro de Corcoesto’, título adscrito ao chamado documental militante que pretende servir de reflexión para o debate arredor da explotación mineira.

Esa semana dedicada á muller no cine, na que todas as sesións son de acceso gratuíto, concluirá o sábado 7 coa obra ‘Se dice poeta’, na que a realizadora asturiana Sofía Castañón ofrece unha mirada de xénero sobre o panorama poético contemporáneo a través de 21 autoras, entre as que se atopan as galegas Yolanda Castaño, Estíbaliz Espinosa e María Couceiro. As tres acompañarán a directora na presentación que terá lugar ás 18.00 horas.

Medio centenar de filmes

Arranca así a nova programación bimestral da filmoteca da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que desenvolverá tamén outros ciclos temáticos ata completar o medio cento de títulos programados. Entre eles, o especial que o CGAI dedicará a afondar na relación entre o cinema e a pintura coincidindo coa exposición ‘O primeiro Picasso’, aberta no Museo de Belas Artes da Coruña ata o 24 de maio. ‘Fraude’ de Orson Welles, ‘Mr. Turner’ de Mike Leigh, ‘Shirley: visiones de una realidad’ de Gustav Deutsch ou ‘National Gallery’ de Frederik Wiseman son algúns dos 10 títulos desta escolma, que poderán verse en diferentes datas do 10 de marzo ao 21 de abril.

O devandito filme de Orson Welles inclúese, así mesmo, na retrospectiva coa que se renderá homenaxe a unha das grandes figuras da historia do cinema no centenario do seu nacemento. Aproveitando a saída de novas copias en formato DCP, o Centro Galego de Artes da Imaxe programará do 15 ao 24 de abril outros oito coñecidos títulos do realizador norteamericano: ‘Ciudadano Kane’, ‘El cuarto mandamiento’, ‘El extraño’, ‘Macbeth’, ‘Otelo’, ‘Mister Arkadin’, ‘Sed de mal’ e ‘El proceso’.

Master class con James Benning

Ademais, a finais de marzo dará comezo un ciclo arredor dos filmes en dixital do artista estadounidense James Benning, un dos máximos expoñentes do chamado cinema estruturalista. Con motivo desta antoloxía, organizada en colaboración con La Casa Encendida de Madrid, o propio Benning desprazarase a Galicia para intervir nun coloquio xunto a Lois Patiño coincidindo co proxección o sábado 28 da súa película ‘Ruhr’, que sinala o seu abandono do celuloide a prol do dixital, e para impartir o luns 30 unha master class arredor do seu proxecto ‘Two Cabins’. As persoas interesadas en asistir a esta sesión, de acceso libre ata completar a capacidade, poden reservar a súa praza a través do correo electrónico programacion.cgai@xunta.es.

Esta temporada tamén terán continuación outras das seccións habituais da Filmoteca: Off Galicia, a través da que se busca dar visibilidade á nova creación audiovisual galega; Fóra de Serie, con destacadas estreas que non atopan lugar nas salas comerciais; CGAI Júnior, destinada aos espectadores máis novos; ou o Circuíto de Cine Independente, do que o CGAI forma parte xunto con outras cinco salas de exhibición de centros culturais públicos: Tabakalera (Donostia), MUSAC (León), Centro Cultural Niemeyer (Avilés), Filmoteca de CulturArts-IVAC (Valencia) e Cineteca (Madrid).

A programación completa pode consultarse na web www.cgai.org

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-03-03

Actualidad

Foto del resto de noticias (carballo-interplay-2026.jpg) O Carballo Interplay desenvolverá do 16 ao 19 de abril no Mercado de Carballo a súa 13ª edición cun programa de 32 actividades arredor da creación dixital contemporánea, das series en pequeno formato, a cultura de internet e a reflexión sobre os novos modos de comunicar na rede. O certame reforza especialmente este ano a presenza do galego como lingua de creación, conversa e pensamento no ecosistema dixital, cunha programación específica arredor dos contidos no noso idioma nas redes sociais, accións formativas para a mocidade, premios dirixidos a recoñecer o talento que crea na nosa lingua e novas oportunidades para a produción de proxectos audiovisuais nados no ámbito dixital.
Foto de la tercera plana (cdc-circo.jpg) A Cidade da Cultura celebrará o Día do Circo o vindeiro 19 de abril co espectáculo 'Sen patrón', da compañía galega Pistacatro, recoñecida co Premio Nacional 2025 desta disciplina artística. A proposta terá lugar no Xardín do Teatro, ás 17,00 horas, con entrada libre e de balde. Así, o Día do Circo convértese nun momento para celebrar tamén a chegada da primavera cunha proposta escénica aberta, festiva e accesible para todo tipo de públicos, que combina cabaré, números aéreos e malabares cunha dramaturxia que reivindica tanto técnicas circenses tradicionais como contemporáneas. Pistacatro é unha das compañías e produtoras de circo máis relevantes das artes vivas de Galicia, que traballa a prol da profesionalización do circo na Comunidade, impulsando as carreiras de artistas e traballadores do sector.

Notas

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, acaba de incorporarse oficialmente ao experimento CMS (Compact Muon Solenoid) do CERN, unha das principais colaboracións dentro da Organización Europea para a Investigación Nuclear. O CMS, xunto ao experimento ATLAS, foi o responsable de observar en 2012 o bosón de Higgs, un dos maiores fitos da física de partículas nas últimas décadas.
Chega a Vigo a súa gran cita anual coa Mostra Internacional de Teatro Universitario, Miteu, unha actividade que acada xa a súa 28 edición e que, un ano máis, “reúne na cidade unha mostra moi significativa do teatro que se está a facer no seo das universidades galegas e, moi especialmente, na UVigo”, tal e como recalca a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, quen convida a toda a cidadanía a aproveitar esta “grande oportunidade” que brinda a mostra para mergullarse no teatro que se está facendo na actualidade en Galicia, e tamén no estranxeiro.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES