
O 12 de febreiro, na Deputación de Lugo, e coa asistencia de Mario Outeiro, responsábel da área de Cultura do organismo provincial, preséntase o documental O Piloto sobre a figura de Xosé Luis Castro Veiga. Pero non foi só o último guerrilleiro, senón que xa era un mito aínda en vida. Odiado por uns, amado por outros, o seu ronsel e as súas fazañas aínda seguen presentes na memoria do pobo.
Neste documental falan medio cento de persoas, compañeiros, enlaces, apoios e xentes que tiveron relación con el, para ben ou para mal. Pero tamén se dan a coñecer documentos inéditos que mudarán para sempre a visión deformada que se veu dando historicamente deste guerrilleiro: as
relacións co PCE, as principais accións, por que sobreviviu tanto tempo, as causas de continuar a loita, que facía nos últimos anos... E unha entrevista realizada no 1979 á súa compañeira Mirelle.
Sen dúbida, unha achega que botará luz á nosa historia recente, descoñecida, cando non ignorada ou deturpada.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.