Notas de prensa

Brais Morán inicia a súa etapa en solitario cun concerto no Salón Teatro de Compostela

O músico coruñés, coñecido pola súa traxectoria á fronte da banda Loretta Martin, arranca a súa etapa en solitario cun concerto acompañado de Miguel Queixas á batería, Denís Morán ao baixo e Manu Seoane á guitarra. Tocará os temas propios e inéditos cos que arranca este novo proxecto máis rockeiro, co sinxelo En paz como carta de presentación.

O Salón Teatro de Santiago, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, será o escenario o xoves 29 de xaneiro, ás 21.00 horas, do concerto de Brais Morán na que é a nova etapa en solitario do cantante e guitarrista do grupo Loretta Martin.

O músico coruñés presentarase en Compostela xunto a Miguel Queixas á batería, Denís Morán ao baixo e Manu Seoane á guitarra, a banda que o está a acompañar no inicio deste proxecto que, cun repertorio propio, busca reflectir a forza do rock como produto das vivencias experimentadas nestes últimos anos de carreira.

Rock en galego

O funk que caracteriza o seu traballo á fronte de Loretta Martin ou dos Jamiros, grupo tributo a Jamiroquai, dá paso agora a un universo musical paralelo, que afonda nunha faceta máis rockeira e nun son máis potente a través dunhas letras persoais e directas e da súa voz desgarrada. No Salón Teatro interpretará os temas propios e inéditos, escritos en galego, que está a tocar ante o público tras o lanzamento en outono do seu sinxelo ‘En paz’, a carta de presentación desta nova aventura musical.

As entradas para o seu concerto en Santiago poden adquirirse, a un prezo de oito euros, no despacho de billetes do Teatro Principal, hoxe de 18.00 a 21.00 horas, e mañá no do Salón Teatro, aberto ao público desde as 19.00 horas.

A programación na sede do Centro Dramático Galego continuará na fin de semana con tres funcións de ‘Kassa’, o novo espectáculo de teatro visual da compañía galega Elefante Elegante, que terán lugar o venres 30 e o sábado 31, ás 20.30 horas, e o domingo 1 de febreiro, ás 18.00 horas.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-28

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES