
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza un total de seis cursos de danza clásica, contemporánea, galega, barroca e de investigación coreográfica como arranque do plan formativo que o Centro Coreográfico Galego (CCG) desenvolve durante 2015. Os mestres Ana Serantes García, Lázaro Carreño, Jordi Vilaseca, Iván Villar Agulleiro, Catherine Turocy e Ana Abad Carles imparten os encontros desta nova convocatoria, a través da que a unidade de danza da Xunta de Galicia amplía o seu programa formativo en canto a xéneros coreográficos e enfoques teóricos.
Esta primeira oferta cuadrimestral, para a que xa está aberto o prazo de inscrición segundo as indicación recollidas na web do centro, desenvolverase en diferentes datas ata finais de abril na sede do CCG na Coruña. A bailarina galega Ana Serantes García encargarase do primeiro dos obradoiros, centrado na danza clásica e o seu repertorio, que terá lugar nas mañás dos sábados desde o 31 de xaneiro ata o 28 de febreiro.
A matrícula no taller de Ana Serantes, para o que mañá finaliza o prazo de inscrición, é gratuíta, mentres que para o resto dos encontros programados establécese un prezo de 35 euros, coa posibilidade de asistir a clases soltas por un importe de 10 euros cada unha. É o caso do curso teórico-práctico para profesores, estudantes e profesionais da danza clásica co mestre cubano Lázaro Carreño, que se celebrará do 2 ao 6 de febreiro e para o que tamén remata mañá o período de rexistro.
Novo taller con Carreño
Tras a gran demanda do curso que Carreño ofreceu na Coruña o pasado mes de xaneiro, o que fora primeiro bailarín do Ballet Nacional de Cuba durante tres décadas regresa ao Centro Coreográfico Galego para compartir os seus coñecementos cos alumnos galegos, como como xa o fixo en compañías do renome do American Ballet Theatre, o Royal Ballet de Londres, a Ópera de París, o Houston Ballet de EE.UU. ou a Compañía Nacional de Danza de España, entre outras.
Pola súa banda, o bailarín e coreógrafo catalán Jordi Vilaseca estará na Coruña do 16 ao 20 de febreiro para ofrecer o Curso de danza contemporánea e taller coreográfico, dirixido tanto a estudantes como a profesionais e para o que o prazo de inscrición remata o 11 de febreiro. A pesar da súa xuventude, Vilaseca conta cunha recoñecida experiencia como creador e cofundador da compañía Protecto d_Ruses, ademais de cunha ampla traxectoria como bailarín en compañías dentro e fóra de España, entre as que se atopa o propio Centro Coreográfico Galego, onde traballou nos espectáculos Kiosco das almas perdidas, de Roberto Oliván, e Giseliña, de Cisco Aznar.
Danza tradicional
Tamén actuou co CCG o bailarín e profesor de danza tradicional Iván Villar Agulleiro, quen formou parte do corpo de baile do espectáculo Vacuo, creado por Maruxa Salas. Membro da compañía Nova Galega de Danza, Villar será o encargado de incorporar a danza galega a esta oferta formativa a través do obradoiro que impartirá do 2 ao 6 de marzo a estudantes e bailaríns, tanto profesionais como afeccionados.
Xa en abril, entre os días 9 e 11 terá lugar o Curso de danza barroca: perspectiva dramática e coreográfica a cargo da mestra estadounidense Catherine Turocy. Neste caso, ademais de a estudantes, profesores de danza e bailarín, o encontro ábrese a actores e cantantes. Recoñecida internacionalmente como unha das grandes coreógrafas e reconstrutoras das danzas barrocas, Turocy é integrante fundadora da Society for Dance History Scholars e os seus estudos e artigos teñen sido editados en numerosos manuais de historia da danza, así como en prestixiosas publicacións especializadas de todo o mundo.
Este primeiro programa cuadrimestral pecharase cun encontro arredor da investigación no ámbito da danza, que conducirá do 20 ao 24 de abril a profesora Ana Abad Carles, autora de Historia del ballet y de la danza moderna e dunha tese doutoral sobre a contribución da muller ao desenvolvemento do ballet. Coreógrafa, historiadora e directora de proxectos académicos, a través deste curso achegaralles aos asistentes unha visión da investigación da danza desde a danza, partindo do feito coreográfico e de fontes coreográficas para desenvolver metodoloxías propias.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.