Notas de prensa

Luis García Soto, gañador do XIV Premio Ramón Piñeiro de Ensaio por Barthes filósofo

O gañador desta edición, García Soto, é escritor e profesor titular de Filosofía Moral na Universidade de Santiago de Compostela, e na obra gañadora fai unha reinterpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 en memoria do escritor.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada no secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, deu a coñecer o ditame do xurado da XIV edición do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, que lle foi concedido a Luís García Soto pola obra “Barthes filósofo”.

Nunha rolda de prensa que tivo lugar nas dependencias do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH), García Gómez compareceu ante os medios acompañado por Víctor F. Freixanes, director da Editorial Galaxia; por Carlos Lema, secretario do xurado, e mais por Amalia Baltar, representante de Gas Natural Fenosa.

O Premio, convocado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística –a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades– e mais pola Editorial Galaxia, coa colaboración de Gas Natural Fenosa, está dotado con 3.000 € e mais coa publicación da obra.

Reinterpretar a Roland Barthes desde Galicia

O xurado do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio 2014 valorou especialmente que a obra faga unha reinterpretación, desde Galicia, da obra de Roland Barthes, importante autor cuxo legado está presente na cultura do século XXI. García Soto interpreta a produción multidisciplinar de Roland Barthes como a dun auténtico filósofo. Argumentando a través da análise de cada unha das obras de Barthes, o ensaio debulla esta tese, en clave semiolóxica, na procura dun diálogo co lector/a.

O xurado, integrado por Luís Alonso Girgado, Patricia Arias Cachero, Antón Figueroa, Olivia Rodríguez González e Carlos Lema, concedeu o galardón por maioría.

Escritor, filósofo e tradutor

Luís García Soto (A Coruña, 1956) é licenciado en Dereito e licenciado e doutor en Filosofía pola Universidade de Santiago de Compostela, en cuxa Facultade de Filosofía é, dede 1989, profesor titular de Filosofía Moral no Departamento de Lóxica e Filosofía Moral.

É autor en galego de “Outramente Barthes” (1988); “Aristóteles” (2003); “Paz, guerra e violencia (2003); “O felo ou” (2007); “O espírito da letra. Nove achegas filosóficas a textos literarios” (2008); “Os boteiros e...” (2011); “O labirinto da saudade” (2012), así como das obras colectivas “Europa: mito e razón” (2001); “A Coruña á luz das letras” (2008); e “Preludios para Miguel Anxo Fernán-Vello” (2011). No eido da tradución destacan os seus traballos “Nova enciclopedia de bioética” (2005) e “Dez teses sobre a ética de Alain Badiou” (2009).

Foi merecente dos galardóns Mellor libro do ano 2005 na XV edición dos premios Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia, por “Nova enciclopedia de bioética” e do Carvalho Calero 2012, pola obra “O labirinto da saudade”.

Unha homenaxe ao galeguista Ramón Piñeiro

O Premio Ramón Piñeiro de Ensaio naceu no ano 2000 en memoria do escritor, filósofo e galeguista Ramón Piñeiro e acóllese ao espírito que inspirou a súa traxectoria intelectual, coa intención de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega e mais o debate e a reflexión arredor dos temas varios do noso tempo.

Ao longo das trece edicións anteriores, fixéronse con el Basilio Lourenço Fondevila, pola obra “A submisión das masas. Do poder do progreso ao progreso do poder”; Anxo A. Rei Ballesteros, por “Tempo e vinganza”; Xosé Luís Barreiro Rivas, “A terra quere pobo”; Teresa Moure, “Outro idioma é posible”; Rebeca Baceiredo, por “O suxeito posmoderno. Entre a estética e o consumo”; Ramón Area Carracedo e Alexandre García-Caballero, por “Psicopatoloxía do retorno”; María López Sández, por “Paisaxe e nación. A creación discursiva do territorio”; Xosé Ramón Quintana Garrido, por “Un longo e tortuoso camiño”; Manuel Pérez Rúa, por “Domingos de calcetíns brancos. Retrato do cambio social na xeración de 1950”: Ramón Máiz, por “A arte do imposible”; Teresa Moure, “Queer-emos un mundo novo”; Xaime Subiela, por “Para que nos serve Galiza?”; e José María Durán Medraño, por “Da natureza de escritores, artistas e vermes. Ensaio sobre o pracer nun diálogo con Karl Marx”.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-19

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES