Notas de prensa

Máis de 60 concellos vencellados a Dinamización Lingüística participaron no programa Nadal en Rede

A cantar con María Fumaça, Espantallo amigo, Feliciano, Cantigas da estrela e Lingua de reis encheron a programación de actividades para festexar o Nadal na terceira edición do programa que incluíu materiais e recursos dixitais para galeguizar as festas e promover o uso do galego desde as tecnoloxías da información e da comunicación.

O programa de dinamización lingüística Nadal en Rede 2014 concluíu logo de percorrer máis de 60 concellos da Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia. A cantar con María Fumaça, Espantallo amigo, Feliciano, Cantigas da estrela e Lingua de reis forneceron as programacións de actividades propias das entidades participantes para festexar o Nadal en galego.

Na que foi a terceira edición de Nadal en Rede a Consellería de Cultura e Educación, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, presentou tamén novos materiais e recursos dixitais de balde para galeguizar as festas e promover o uso do galego desde as tecnoloxías da información e da comunicación. Ademais, foi a edición coa mellor acollida por parte do público, chegando nalgunha sesión aos 300 participantes.

A cantar con María Fumaça

A coñecida Uxía convidou as familias e á súa xente miúda a subiren no tren da música para festexar o Nadal cantando e bailando en galego. Nun concerto exclusivo de Nadal en Rede percorreu 14 localidades galegas acompañada de Santi Cribeiro e de Héctor Lorenzo, da famosa María Fumaça e dun amplo e divertido repertorio que combinou pezas do Xiqui xoque, fiú fiú con panxoliñas e con outras músicas tradicionais propias do Nadal.

A cantar con María Fumaça chegou aos concellos de Fene, Ordes, Burela, Vilaboa, Lalín, Oleiros, O Barco de Valdeorras, Ribeira, A Estrada, Melide, Bueu, Verín e Boiro.

Cantigas da estrela

Magín Blanco animou á cativada a seguir o ronsel das estrelas e da música en galego para gozar do Nadal cos temas máis coñecidos de Gatuxo e da A nena e o grilo, nun concerto moi especial que incluíu vilancicos inéditos do músico e compositor. Acompañado de María Faltri e de Jorge Juncal percorreu 19 localidades da RDL nunha xira na que colaborou a Deputación Provincial da Coruña en concellos da súa competencial territorial.

Cantigas da estrela foi unha cita imprescindible para celebrar este Nadal cantando en galego que chegou a Cee, Palas de Rei, Cangas, Muxía, Redondela, Ferrol, O Carballiño, Betanzos, Arteixo e Santiago de Compostela, Val do Dubra, Ponteceso, Pontedeume, Viveiro, Carnota, Teo, O Porriño, Ourense e á Pobra do Caramiñal.

Feliciano

Os 7 magníficos + 1 (os televisivos Fran Rei e Pedro Brandariz) fixeron que a RDL recibise o 2015 cunha boa dose de risas e alegría. Porque o Nadal non é só cousa de nenos, esta proposta para público de todas as idades percorreu Galicia cunha serie de pequenas pezas humorísticas que fixeron que os participantes contemplasen as festas de Nadal cunha mirada desenfadada. A Deputación Provincial da Coruña, membro da RDL, tamén colaborou nesta actividade exclusiva levándoa a concellos do seu ámbito territorial.

Feliciano chegou, da man de Nadal en Rede, a Carral, Carballedo, Trazo, Zas, Cuntis, Barbadás, Miño, Neda, Fisterra, Laxe, Negreira, Cabana de Bergantiños, Santa Comba, Castro de Rei, O Saviñao, Xinzo de Limia, A Bola e Ponteceso.

‘Espantallo amigo’

Nadal en Rede ofreceu en sete concellos da RDL unha nova adaptación teatral do Espantallo amigo, de Xosé Neira Vilas, que chegou da man dos Quinquilláns nunha revisión na que Lucho Penabade e Tero Rodríguez continuaron a historia orixinal contada polos adultos que lle deron vida á trama orixinal da novela neiraviliana. Nunha proposta escénica deseñada por Xosé Vizoso, a actividade ofreceu como complemento unha reedición especial ilustrada por Xaquín Marín (Editorial Galaxia).
A proposta teatral, dirixida a público xeral a partir dos sete anos, chegou a Ourense, Santiago de Compostela, Ribeira, Xinzo de Limia, Ferrol, A Estrada e á Coruña.

Recursos en www.lingua.gal

Amais de actividades de dinamización lingüística, Nadal en Rede 2014 puxo en marcha novos recursos dixitais destinados á galeguización destas festas por medio das tecnoloxías da información e da comunicación: a Carta ás Súas Maxestades de Oriente, pensada especialmente para a xente miúda da casa; O libro dos Reis Magos, con fermosos discursos da autoría de 25 escritoras da literatura galega actual pensados para as alocucións reais das cabalgatas municipais; o catálogo dixital Un Nadal mozo e en galego. Guía de agasallos para a xente nova, co que a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado animaron a mocidade a agasallar o Nadal en galego; e mais o espazo virtual www.postaisengalego.com, pensado para que pequenos, novos e máis vellos felicitasen as festas en galego de maneira orixinal e personalizada.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-13

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES