A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a descubrir a maxia do cine a través do son. Será no obradoiro Sons de película, co que os máis pequenos da casa coñecerán os diferentes procesos de son que se levan a cabo nunha produción audiovisual: desde a rodaxe, á montaxe, edición e mistura final.
Sons de película terá lugar o sábado 17 e domingo 18 no Museo Centro Gaiás no marco da exposición Cinegalicia25, mostra coa que a Cidade da Cultura e Agadic celebran as vodas de prata do audiovisual galego. No obradoiro, nenos a partir de 8 anos coñecerán quizáis a parte máis descoñecida dunha produción cinematográfica: o seu son.
Xunto coa música, os diálogos e son ambiente, os participantes neste divertido obradoiro recrearán escenas míticas do cine: festas, refregas, tormentas
e coñecerán por dentro os procesos de captación e reprodución dos sons que integran as películas.
O obradoiro do sábado terá lugar ás 17 horas e o do domingo ás 12 horas e ambos os dous son de balde previa inscrición en www.cidadedacultura.org.
Cinegalicia25
Ata o 8 de febreiro, o público poderá visitar no Museo Centro Gaiás Cinegalicia25, exposición que fai un percorrido polo que foi o cine galego nestes cinco lustros, recollendo a traxectoria previa iniciada en 1986 coas primeiras proxeccións do Cinematógrafo en Galicia e botando, tamén, unha ollada cara ao futuro.
A exposición pode visitarse de martes a domingo, de 11 a 20 horas e ten entrada de balde. Ademais, conta con visitas guiadas todos os sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.