Notas de prensa

Un amplo programa de actividades convida á celebración do Día do Usuario/a das bibliotecas

Obradoiros, visitas guiadas, sorteos de libros e contacontos centran a partir de mañá venres as propostas da Biblioteca de Galicia e das bibliotecas centrais territoriais da Coruña, Ourense, Lugo, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. Cultura e Educación convida a celebrar o Día do Usuario/a das bibliotecas con diversas propostas.

Con motivo do Día do Usuario/a das Bibliotecas, o 11 de xaneiro, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convida a cidadanía a participar nesta celebración con diversas iniciativas, de balde e para todos os públicos, na Biblioteca de Galicia e nas bibliotecas públicas de Ourense, de Lugo, na Miguel González Garcés da Coruña, na Juan Compañel de Vigo, na Antonio Odriozola de Pontevedra e na Ánxel Casal de Santiago de Compostela.

Ao coincidir esta efeméride en domingo, as bibliotecas adiantan a celebración ao día 9 con obradoiros para o público infantil, liberación de libros, visitas guiadas ás bibliotecas, sorteos de lotes de libros, interesantes vantaxes para todos aqueles e aquelas que leven obras en préstamo e a elección dos socios e socias de honra, con agasallos para os máis activos.

Visitas guiadas

Co fin de lles render homenaxe aos usuarios e usuarias, parte imprescindible deste servizo a prol da extensión da lectura e da información, mañá venres organízanse visitas guiadas para quen desexe coñecer os servizos, espazos e coleccións das bibliotecas. Serán na Juan Compañel de Vigo ás 12 e ás 18 horas, na Ánxel Casal de Santiago de Compostela ás 12 horas, na biblioteca de Lugo ás 12 e ás 19 horas; na biblioteca de Ourense ás 10:30 e ás 17 horas; na González Garcés da Coruña ás 16:30 horas e na Biblioteca de Galicia ás 11:30 horas. Ademais, previamente, ás 10:30 horas, a Biblioteca de Galicia ofrecerá unha visita guiada á exposición ‘O berce do libro’, con incunables da colección Abanca.

Obradoiros para elaborar libros

Na fin de semana, a Biblioteca de Galicia, con sede na Cidade da Cultura, organiza para os rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos dous obradoiros sobre o proceso de elaboración do libro antigo, desde a construción do papel ata o encadernado final, en horario de 17 a 19:30 horas. O sábado día 10 terá lugar un obradoiro de miniaturas e tipografías, na que os participantes terán ocasión de coñecer distintos tipos de tipografías segundo a época, ademais de desenvolver a súa propia tipografía nun abecedario completo e de reproducir miniaturas dos libros antigos.

O domingo 11 de xaneiro, a Biblioteca de Galicia propón un obradoiro de impresión e encadernación, na que os rapaces e rapazas poderán realizar impresións utilizando as pranchas de linóleo e papel artesanal. Seguidamente, encadernarán os traballos empregando unha sinxela técnica artesanal.

A Biblioteca Pública de Ourense tamén ofrece mañá venres, un obradoiro de cómic ás 11:30 horas e o sábado, de 11:30 a 13 horas, un obradoiro a cargo de Sarabela para que os nenos e nenas a partir de 7 anos poidan descubrir as posibilidades que lles ofrece a biblioteca.

Contacontos

Os nenos e nenas de 3 a 10 anos tamén terán ocasión de gozar co contacontos musical que ofrece a Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés o sábado ás 12 horas, da man de Magín Blanco, con historias e viaxes como ‘A nena e o grilo’ e mais a locomotora María Fumaça. Mañá venres será a biblioteca de Lugo a que convide aos nenos e nenas de 4 a 12 anos a participar, previa inscrición, nunha sesión de contacontos que terá lugar ás 18 horas na ludoteca, a cargo de Teresa Grau.

A biblioteca lucense tamén promoverá mañá ao longo de todo o día a liberación de libros en distintos lugares da biblioteca, para que fagan o seu percorrido polo mundo.

Máis obras en préstamo

Para as usuarias e os usuarios máis activos durante o 2014, tanto infantís e xuvenís como adultos, as bibliotecas de Lugo, de Ourense, a Juan Compañel, a Ánxel Casal e a Antonio Odriozola darán a coñecer mañá venres os seus socios e socias de honra, condición que se prolongará ao longo deste ano e que terá beneficios como agasallos ou a posibilidade de retirar en préstamo un maior número de obras.

Pero os ‘superlectores’ non serán os únicos que poderán levar máis obras en préstamo. Tamén terán ocasión de gozar desta oportunidade durante un día os usuarios e usuarias que mañá venres se acheguen á Ánxel Casal, á González Garcés e á Juan Compañel. Ademais, esta última sorteará lotes de libros entre os usuarios que utilicen a biblioteca viguesa os días 9 e 10 de xaneiro. Na biblioteca da Coruña tamén haberá agradables sorpresas relacionadas coas sancións por atraso nas devolucións.

Próximas datas do Calendario do Libro e da Lectura

Estas son as principais iniciativas que promove a Secretaría Xeral de Cultura a través da Biblioteca de Galicia e das bibliotecas centrais territoriais para festexar o Día do Usuario/a das Bibliotecas, data que abre o Calendario do Libro e da Lectura 2015. Neste mes de xaneiro, a Consellería tamén promove a celebración do Día da Ilustración, que se conmemora o 30 de xaneiro coincidindo coa data do nacemento de Castelao.

A programación conmemorativa do Día do Usuario/a das Bibliotecas e as datas do Calendario do Libro e da Lectura 2015 poden consultarse en liña na Axenda de Cultura.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2015-01-08

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES