Notas de prensa

Remata a programación ampliada conmemorativa das Letras Galegas 2014

A exposición Nimbos de luz remata no concello ourensán de Celanova o percorrido que a levou durante este ano a case unha vintena de localidades galegas para difundir a figura, a vida e a obra de Xosé María Díaz Castro. Logo da itinerancia, a mostra exhibirase de xeito permanente na Casa Habanera de Guitiriz, concello natal do poeta e tradutor.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria clausurou no concello ourensán de Celanova a ampla programación posta en marcha pola Xunta de Galicia arredor do poeta e tradutor Xosé María Díaz Castro, o autor guitiricense ao que a Real Academia Galega (RAG) lle dedicou as Letras Galegas 2014. A clausura oficial da mostra ‘Nimbos de luz’ –que o 31 de decembro finaliza no concello ourensán a itinerancia que a levou por case unha vintena de localidades galegas para amosarlle á cidadanía a figura, a vida e a obra do autor guitiricense– serviulles de colofón ás numerosas iniciativas promovidas e apoiadas pola Consellería, a través das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, para lle render tributo a Díaz Castro.

Nun acto que se celebrou no Auditorio Municipal Ilduara, e no que participaron os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente; o rexedor celanovés, José Luis Ferro; o presidente da RAG, Xesús Alonso Montero; o director da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes; e mais os tres comisarios da mostra e biógrafos do autor homenaxeado, Luís G. Tosar, Alfonso Blanco e Armando Requeixo, ‘Nimbos de luz’ despediu a súa itinerancia no marco do peche da programación dedicada a Xosé María Díaz Castro.

Rematada a itinerancia, os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística anunciaron o acordo entre a Consellería e o Concello de Guitiriz para que a Casa Habanera acolla de xeito permanente a exposición ‘Nimbos de luz’, que xa fora inaugurada neste espazo cultural da provincia lucense o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do nacemento do escritor.

Percorrido por toda Galicia desde febreiro

Da man de ‘Nimbos de luz’, promovida pola Xunta de Galicia en colaboración coa Editorial Galaxia, a figura, a vida e a obra de Díaz Castro achegáronse á cidadanía en virtude das 17 paradas que fixo a mostra noutros tantos puntos de Galicia. O proxecto expositivo, comisariado por Luís G.Tosar, por Alfonso Blanco e por Armando Requeixo, ilustrounas por medio de 14 paneis temáticos e do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo.

Tras encetar o seu percorrido en Guitiriz e pasar por Vigo, Pontevedra, Cerceda, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo, A Coruña, Lugo, Ourense, A Rúa, Lalín, A Laracha e Cee, rematará o seu periplo en Celanova, onde se pode visitar no Auditorio Municipal Alduara ata o día 31.

Numerosos proxectos impulsados arredor de Díaz Castro

Amais desta exposición ‘Nimbos de luz’, a Xunta de Galicia, por medio das secretarías xerais de Cultura e de Política Lingüística, despregou unha importante programación de actividades no marco da que viron a luz importantes proxectos arredor da celebración das Letras Galegas 2014.

Un completo programa de propostas coas que a consellería dirixida por Vázquez Abad contribuíu a dar a coñecer entre a cidadanía a figura e a obra de Díaz Castro, así como a poñer en valor un legado literario que deu a lume novidades editoriais inspiradas en Nimbos (edicións conmemorativas; estudos críticos; traducións e versións bilingües ao éuscaro, ao inglés e ao ruso), materiais audiovisuais, webs monográficas, actividades de dinamización lingüística nos centros educativos e na Rede de Dinamización Lingüística, proxectos e iniciativas de promoción e difusión da obra de Díaz Castro nas bibliotecas de Galicia e nos centros de estudos galegos do exterior etc.

A Xunta de Galicia tamén apoiou e colaborou con outras iniciativas postas en marcha por diferentes entidades ou institucións (como a RAG, o Consello da Cultura ou a Asociación Xermolos) para contribuír a darlle proxección, reforzo e visibilidade á que foi todo un ano de homenaxes ao guitiricense.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-12-29

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES