
O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, salientou na súa visita ao Obradoiro de Gaitas Seivane, en Cambre, que este ano logrou un dos galardóns máis importantes no sector, o Premio Nacional de Artesanía, así como a Medalla Castelao 2014, que estes recoñecementos son o reflexo dun traballo que se asenta na innovación e a tecnoloxía, sen deixar de lado un profundo respecto pola tradición; a mellora permanente e a internacionalización.
Conde destacou que esta empresa familiar, con 75 anos de tradición e na que traballa xa a terceira xeración de artesáns, é un exemplo do que significa a artesanía en Galicia, e forma parte do noso patrimonio. Na súa visita, o conselleiro subliñou a vocación internacional e de futuro deste obradoiro, a primeira empresa galega na fabricación, comercialización e exportación de gaitas, que chegan desde Cambre ata puntos de toda Europa e de Latinoamérica.
Neste sentido, o Obradoiro de Gaitas Seivane é un exemplo dos retos do Plan de Artesanía de Galicia que ten en marcha a Xunta, e que persegue afianzar a competitividade do sector, consolidar a marca Artesanía de Galicia, e potenciar unha artesanía innovadora e transversal. Esta folla de ruta, á que se destinan 5 millóns de euros e que ten entre os seus obxectivos ata o 2016 incrementar nun 30% as empresas artesás que se inician en procesos de innovación.
A Artesanía de Galicia ten unha importante presenza cada ano nos Premios Nacionais de Artesanía, que entrega o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, e que teñen como finalidade dar o recoñecemento institucional ao máis alto nivel a aqueles profesionais e iniciativas artesás consideradas como excelentes e exemplares no campo da artesanía contemporánea.
Na novena edición resultaron finalistas dúas candidaturas galegas: a artesá Idoia Cuesta, que compite na categoría de Premio Produto, e a Asociación Galega de Artesáns, que opta ao premio Promociona para entidades privadas.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.