
A Asociación Galega de Editores (AGE) organiza unha nova edición do seu simposio anual sobre o libro e a lectura co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. O libro e a lectura nos medios é o tema central da undécima edición deste foro de reflexión, que se desenvolve ao longo do día de hoxe no Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela.
No acto de inauguración da xornada, o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, afirmou que o campo que se precisa gañar para o libro pasa necesariamente por tirar proveito da oportunidade que ofrecen os medios. Tamén se referiu á importancia de implicar a sociedade nesa consideración da lectura como un activo fundamental do noso desenvolvemento persoal e colectivo para lograr obxectivos novos. Nese camiño dixo, os medios de comunicación son socios imprescindibles e ese medio novo que é a rede é unha vía de posibilidades infindas.
Foro de reflexión con xornalistas culturais e escritores
Diversos xornalistas culturais e escritores expoñen as súas experiencias e propostas no simposio, que tamén conta co apoio n de CEDRO e do Consello da Cultura Galega. A primeira das catro mesas programadas, A cultura nos medios. O caso galego, contou coa participación de Manuel Gago, xornalista cultural e director de culturagalega.org; Xosé Manuel Pereiro, xornalista e codirector da revista Luzes; e Camilo Franco, xornalista cultural e escritor. A segunda mesa da mañá, O libro e a lectura na rede, contou con Montse Dopico, xornalista cultural e creadora do Magazine Cultural Galego; César Lorenzo Gil, editor do blog Biosbarda; Nacho Alonso, director de contidos de Fervenzas Literarias e Raquel C. Pico, xornalista cultural e cofundadora de Disquecool.
Pola tarde, o simposio contou con O libro e a lectura na radio e na televisión, con Ana Romaní, escritora e directora do Diario Cultural da Radio Galega; Henrique Sanfiz, xornalista, director de Radio Fene; Kiko Novoa, xornalista e director de Galicia por diante da Radio Galega. Na derradeira mesa do simposio intervirán Santiago Jaureguizar, xornalista de El Progreso e escritor; Xesús Fraga, xornalista cultural en La Voz de Galicia e escritor; e Carme Vidal, xornalista cultural en Sermos Galiza.
Ao abeiro dun convenio, Cultura e Educación vén colaborando coa AGE na realización deste simposio, así como noutras iniciativas, entre as que destacan a asistencia ás feiras profesionais máis importantes no ámbito internacional arredor do libro e os Premios da Edición de Galicia, que recoñecen o labor editorial.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.