Notas de prensa

O CGAI programa unha retrospectiva sobre o cineasta alemán Heinz Emigholz

Unha aproximación audiovisual á arquitectura. Así define o CGAI o ciclo retrospectivo que adica ao cineasta alemán Heinz Emigholz no que ofrece integramente a serie de retratos de arquitectos "Architecture as Autobiography" e as súas últimas fitas, nas que reflexiona sobre o modernismo arquitectónico. As 9 proxeccións complétanse con coloquios con arquitectos galegos.

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria desenvolve ata o venres 21 de novembro un ciclo dedicado a Heinz Emigholz, un dos nomes más recoñecidos da vangarda cinematográfica alemá, e ao seu achegamento audiovisual á arquitectura.

Organizada en colaboración coa Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña, o Festival de Cine Europeo de Sevilla e a CulturArts-Filmoteca do IVAC valenciano, esta retrospectiva achéganos a particular aposta estética deste polifacético artista, que lles propón aos espectadores unha completa experiencia sensorial a partir do son ambiente e da beleza dos detalles, a luz e os espazos retratados. No CGAI poderán verse oito dos seus títulos, inseridos á súa vez en dúas das series cinematográficas a través das que indaga sobre como as intervencións da arquitectura e da enxeñaría teñen modificado a paisaxe urbana nos últimos tempos.

‘Arquitectura como autobiografía’

O novo ciclo da filmoteca galega ofrece de xeito íntegro a serie ‘Architecture as Autobiography’, un conxunto de sete títulos nos que o cineasta alemán retrata oito referentes da arquitectura moderna: Louis H. Sullivan (‘Sullivan’s Banks’, 2000), Robert Maillart (‘Maillart’s Bridges’, 2001), Frederick Kiesler (‘Two Projects by Frederick Kiesler’, 2009), Bruce Goff (‘Goff in the Desert’, 2003), Rudolph Schindler (‘Schindler’s Houses’, 2007), Adolf Loos (‘Loos Ornamental’, 2008) e Auguste e Gustave Perret (‘Perret in France and Algeria’, 2012).

A última destas fitas forma parte, así mesmo, da serie ‘Decampment of Modernism’, da que tamén se proxecta a súa película sobre Pier Luigi Nervi (‘Parabeton-Pier Luigi Nervi and Roman Concret’, 2012) e a que é, ata o de agora, a súa última longametraxe: ‘The Airstrip’ (2014), presentada no último Festival de Berlín e na que Emigholz percorre o mundo a partir dunha reflexión sobre o modernismo arquitectónico.

Coloquios

Esta aproximación á arquitectura da man de Heinz Emigholz complementarase coas presentacións e coloquios que, coincidindo coas diferentes sesións cinematográficas, protagonizarán os arquitectos galegos Luz Paz e Xoán Mosquera (mañá martes, ás 20.30 horas), Fernando Agrasar (mércores 19, ás 18.00, e xoves 20, ás 20.30 horas), Emma López (mércores 19, ás 20.30 horas), Celestino García Braña (xoves 20, ás 18.00, e venres 21, ás 18.00 horas) e Evaristo Zas (venres 21, ás 20.30 horas).

Esta semana de proxeccións no Centro Galego de Artes da Imaxe inclúe, ademais, unha nova entrega da sección CGAI Júnior: ‘Cocorico’, da produtora galega Oqo Films, que poderá verse este sábado 22, ás 18.00 horas.

25 anos de cine galego

Tras estas citas, o Centro Galego de Artes da Imaxe entrará na recta final da súa programación de 2014 cun amplo ciclo dedicado exclusivamente ao cinema producido en Galicia durante os últimos 25 anos. Este especial forma parte da programación elaborada pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para conmemorar o vixésimo quinto aniversario da estrea das primeiras longas galegas (‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’), na que tamén se insire a exposición ‘CineGalicia25’ no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e a realización do documental ‘Cine en Galicia: 25 anos despois’, que está a producir a Academia Galega do Audiovisual en colaboración coa Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e a Televisión de Galicia.

O calendario detallado coas datas e horarios das diferentes sesións, así como a información sobre prezos e venda de entradas, pode consultarse na web www.cgai.org [nova venta] .

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-11-17

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES