
O ciclo de música contemporánea Do Audible 2014 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria despídese cunha sesión dedicada á música e ao diabólico, o venres 14 de novembro, ás 20 horas, no Sexto Edificio do Museo de Pontevedra.
O grupo Vertixe Sonora Ensemble, encargado da dirección do ciclo, ofrecerá para a ocasión un concerto que contará co Distractfold Ensemble, de Manchester, como agrupación convidada. A formación británica, especializada en música instrumental, no xénero da acusmática e híbrida do século XXI escrita por compositores da nova xeración, preséntase para o concerto en formato de trío de cordas con Linda Jankowska, Emma Richards e Alice Purton.
A edición de 2014 remata cun programa baseado no poder excepcional, temible e admirable da música. Coa súa beleza demoníaca, a súa capacidade para o encanto e a posesión, a súa ambigüidade insoluble, cuxa manifestación máis sinalada sería o intervalo de cuarta aumentada ou diabolus in musica, a música sempre foi percibida con receo, sospeitosa como é dunha pegada diabólica.
Para iso, o programa do concerto incluirá pezas dos prestixiosos compositores en activo Salvatore Sciarrino, Mauricio Pauly e Pierluigi Billone e contará unha introdución a cargo do profesor e ensaísta especialista en Wagner Enrique Gavilán, autor do libro Otra historia del tiempo.
Unha experiencia singular
Do Audible é un ciclo promovido pola Secretaría Xeral de Cultura coa colaboración de Vertixe Sonora, que procura puntos de encontro entre a música, a ciencia, a arte e o pensamento, co obxectivo de contribuír a normalizar a escoita de música contemporánea en Galicia. En cada concerto, proporciona unha experiencia singular e reveladora que devolve a escoita ao seu lugar, como acontecemento capital do entendemento humano.
En 2014, o cartel do ciclo incluíu catro sesións, que comezaron o pasado mes de xuño cun concerto en Ourense centrado na música, na danza e na poesía, á que seguiu unha proposta no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, arredor de obras mestras do século XX inspiradas no mar e unha sesión no Planetario da Coruña baseada na música das esferas.
Cada concerto organízase arredor dun foco temático e interactúa coa palabra cómplice de relevantes personalidades do mundo da cultura, que achegan informacións e perspectivas de interpretación do feito musical, que resulten enriquecedoras para os ouvintes.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.