
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, participou nos actos en recordo de Ramón María del Valle-Inclán que tiveron lugar na vila natal do escritor, coincidindo co 148º aniversario do seu nacemento.
A xornada de homenaxe estivo centrada nunha ofrenda na praza do Castro, diante da escultura do escritor, acto que se pechou coa actuación do grupo O Con Grande. A formación interpretou a peza O son de muiñeira, musicada por Rogelio Villar e á que Valle-Inclán lle puxo letra en 1917. Anxo Lorenzo puxo en valor as iniciativas que ao longo do mes de outubro, e coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación Provincial de Pontevedra, se veñen desenvolvendo en Vilanova de Arousa para recordar a figura do escritor e difundir a súa vida e obra, no marco das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán.
Entre elas inclúese a mostra i de Inclán, que foi inaugurada previamente á ofrenda floral. Nesta mostra, que se pode visitar ata o 28 de novembro na Casa Museo Valle-Inclán, os xornalistas Laura Sanisidro e Rubén Luengo exploran a faceta do escritor a través do xénero da entrevista.
Recreación da travesía
Os actos de homenaxe a Valle-Inclán rematarán o vindeiro venres 31 de outubro, cunha xornada na que se recreará a viaxe en barco desde A Pobra do Caramiñal ata Vilanova de Arousa que narra o escritor en Romance de lobos e que está previsto que se desenvolva entre as 17 e as 18 horas.
A programación destas xornadas de homenaxe, que deron comezo o pasado 1 de outubro, realízanse ao abeiro do protocolo de colaboración asinado en 2013 pola Consellería de Cultura e Educación e os concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, co fin de cooperar na divulgación da obra de Valle-Inclán e de poñer en valor a súa figura.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.