Notas de prensa

21 empresas musicais galegas operan en Womex desde Galiciantunes

As compañías acreditadas representan a medio centenar de formacións artísticas e compoñen a delegación galega máis numerosa de cantas teñen participado na feira internacional de música tradicional máis importante do mundo. Obxectivo: unir esforzos para competir.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove a presenza da industria musical galega en Womex 2014 a través dun stand ‘paraugas’ no que, baixo a marca común de difusión exterior GalicianTunes, operarán un total de 21 compañías profesionais galegas e as tres principais asociacións do sector.

A maior parte das empresas acreditadas, que están dedicadas ao ‘management’ musical, representan a medio centenar de formacións artísticas galegas de todos os estilos e formatos, con especial tratamento á música tradicional e de raíz. Trátase, en concreto, das firmas Mada Producións, Merlo Branco, Aitana Eanes, Jamila Castillo, DezdeDez, Ouvirmos, Zouma Producciones, Acentral Folque, La Yogurtera, Mare, Noemi Mazoy, Inquedanzas Sonoras, Nordesía, Budiño/Lospregos, Galicia Fiddle, Musicarte Rey Saavedra, Pistacatro Produtora de Soños, DZ Pro, Chotokoeu, Iabadabadú Festicultores e Culturactiva.

A estas empresas, que compoñen a delegación galega máis numerosa de todas as misións a Womex, a feira de ‘world music’ máis importante e influente do circuíto internacional, súmanse os tres principais colectivos do sector: a asociación Músicos ao Vivo, a Asociación Galega de Empresas Musicais (AGEM) e Clubtura, a asociación que agrupa as salas que programan música en directo en Galicia.

Esta nutrida representación foi reunida pola Consellería a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) mediante unha convocatoria pública destinada a reforzar a participación da música galega en Womex aproveitando a celebración da vixésima edición deste evento único na capital de Galicia entre os próximos días 22 e 26 de outubro.

Acordos públicos e privados

O obxectivo é unir esforzos individuais e facilitar o apoio institucional dentro da plataforma de difusión transnacional que é Womex, cara á materialización de acordos con homólogos profesionais públicos e privados.

Deste xeito, o epicentro para o negocio musical galego en Womex será o stand GalicianTunes, un espazo de traballo e de relación que ocupará 54,5 metros cadrados dentro do Museo Centro Gaiás, desde o que se facilitará apoio loxístico aos inscritos e se difundirá material promocional dos intérpretes galegos e da música galega actual.

Como parte dese material amosarase tamén o CD ‘A Way To The Atlantic’, editado para a súa distribución internacional coa revista británica especializada ‘Songlines’ e que inclúe temas de Anxo Lorenzo, aCadaCanto, Caxade, Kepa Junkera & Os Cempés, Mónica de Nut & Virxilio da Silva, Budiño & António Zambujo, A Banda das Crechas, Najla Shami, Fuxan os Ventos, Talabarte, Nelson Quinteiro, Sés, Radio Cos, Víctor Aneiros e A Buxaina.

Tamén forman parte do stand os representantes dos artistas que actúan este ano dentro da programación de concertos de Womex: Davide Salvado (Selección Oficial), Uxía e Germán Díaz (escenario Atlantic Conections).

Últimas actividades de Focus Galicia

Como reforzo e complemento a esta relevante participación galega en Womex 14, a Consellería de Cultura e Educación desenvolve desde o pasado domingo en Santiago, A Coruña e Ourense o programa Focus Galicia, ideado tamén baixo a marca GaliciaTunes como espazo para a proxección exterior da nosa música a través do encontro entre artistas galegos e unha selección de programadores culturais chegados de 16 países.

Esta delegación internacional, que centra a súa actividade na comarca do Ribeiro e na cidade de Ourense, está a asistir a encontros profesionais, visitas a espazos culturais e 12 concertos de artistas galegos en formato 'showcase': Abe Rábade, Banda Crebinsky, Som do Galpom, Cuarteto Caramuxo, Sés, Sumrrá, Najla Shami, Rosa Cedrón, Caxade, Radio Cos, Daniel Minimalia e Luar na Lubre.

Focus Galicia rematará, coincidindo co inicio de Womex, cunha xuntanza de traballo entre os programadores convidados e os representantes de diferentes empresas musicais que terá lugar ás 11.00 horas na Cidade da Cultura de Galicia.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-10-21

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES