A sede do Instituto Cervantes de Hamburgo acolle o simposio A Rosa dos ventos da xeografía xacobea en Europa, un evento que se celebrará ata o día 8 de outubro e no que participan os máis sobresaíntes investigadores das peregrinacións xacobeas.
Este simposio celébrase coa colaboración de Turismo de Galicia e do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel, e na inauguración de hoxe participou o xefe da Área de Cultura Xacobea da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Francisco Singul.
Esta xuntanza profesional conta cun bo número de insricións e entre os investigadores que participan se atopan o presidente do Gremio de expertos, Paolo Caucci von Saucken, os presidentes das asociacións alemá e francesa, Klaus Herbers e Adeline Rucquoi.
O simposio, cuxo cartel conta cun motivo orixinal do artista galego Antón Lamazares, está organizado polo Centro de Estudos Galegos da Universidade de Kiel e dirixido por Javier Gómez-Montero. Ademais conta co apoio da Deutsche Forschungsgemeinschaft, enmarcado no Programa de Acción Cultural exterior HISPANEX do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte e de Turismo de Galicia. Completa a representación oficial a conselleira de Cultura da Embaixada de España en Berlín, Gloria Mínguez Repiñón, e a directora do Instituto Cervantes en Hamburgo, Helena Cortés Gabaudan.
Entre os actos públicos destaca a presentación polo presidente de honra da Asociación xacobea alemá, Robert Plötz, do libro Imaginarios jacobeos en América, coordinado por Javier Gómez-Montero, catedrático do Romanisches Seminar da Universidade de Kiel e responsable do Centro de Estudos Galegos de Kiel, e coa coordinación adxunta á edición da profesora mexicana de Kiel Jimena Hernández Alcalá.
Neste volume, que consta de doce estudos e cinco cadernos de imaxes a toda cor, analízanse as manifestacións do culto a Santiago en América Latina que representan formas de apropiación cultural dos mitos xacobeos e supón unha orixinal achega á antropoloxía cultural dos mitos arredor de Santiago Apóstolo que conforman un imaxinario que deixou unha fonda pegada en contos, lendas e poemas contemporáneos, iconografía popular e sacra, tradicións orais e monumentos arquitectónicos.
Tamén terá lugar a lectura e coloquio co autor, e profesor de literatura na Universidade de Oxford, John Rutherford sobre a súa novela As frechas de ouro, título onde se mostra o trasfondo máis humano do Camiño a través da voz dun peregrino inglés, e a conferencia Zingari postmedievali in itinere Beati Iacobi a cargo de Robert Plötz, presidente de honra da Deutsche St. Jakobsgesellschaft.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.