O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu a presentación do proxecto audiovisual La Plantación, unha iniciativa promovida pola especialista en audiovisuais Elisa Pereira que ten como obxectivo impulsar a creatividade e a formación nos ámbitos da imaxe, a literatura e o pensamento. Por medio de obradoiros que contarán coa presenza de destacados expertos o proxecto vaise desenvolver en formato de talleres formativos curtos e longos que pretenden afondar nas temáticas que abranguen a creatividade dende diferentes puntos de vista, como poden ser a filosofía, as letras, a psicoloxía e a imaxe.
O acto de presentación contou coa presenza, ademais de Elisa Pereira, do director do Centro Cultural Marcos Valcárcel, Francisco González; do asesor de Cultura da Deputación, César Fernández, e dos propietarios da Casa dos Muros, o establecemento onde se van a impartir algúns dos talleres, situado en Ferreira de Pantón.
César Fernández destacou a importancia de desenvolver iniciativas como esta que promovan o achegamento do coñecemento e o fomento de movementos culturais, un proxecto que se inicia os vindeiros días 24 e 25 de outubro cun taller de Fotografía documental, impartido por Jon Cazenave, que terá lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel. De seguido, no mes de novembro, os días 21 e 22, desenvolverase o obradoiro de vídeo sobre Materialización da imaxe, a cargo de Lois Patiño, quen afondará nos aspectos da investigación da imaxe. E no mes de decembro, os días 12, 13 e 14, terá lugar un taller de cinema sobre Representación da realidade, impartido polo cineasta José Luis Guerín, quen abordará as temáticas do tempo, o espazo, o movemento e a posta en escena.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.