
O concerto de fados en galego Os sons do vento que pasa chega a dous novos concellos da man do FalaRedes 2014, o programa de fomento da nosa lingua promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
O innovador espectáculo da compañía Elefante Elegante fará parada o sábado na localidade coruñesa de Curtis, ás 16:30 h no edificio multiusos, e o domingo na lucense de Bóveda, ás 18:30 h no centro sociocultural.
Destinada a público de todas as idades, con esta proposta a veciñanza poderá achegarse á música tradicional portuguesa a través do noso idioma grazas a un coidado concerto no que Gonçalo Guerreiro pon a voz e Dani Pais o acompañamento musical e dixital.
As cantigas, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea e singular que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos.
De xira desde o pasado mes de xuño, Os sons do vento que pasa chegará ata finais de ano da man de FalaRedes a un total de 36 vilas galegas adscritas á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.
Así, tras as actuacións desta fin de semana, o aplaudido espectáculo visitará proximamente Noia, Lousame, Outes e Oleiros. Xa no mes de novembro, chegará a Verín, Foz e Cuntis, pechando en decembro a súa xira na localidade coruñesa de Arzúa.
Os Bolechas e o Sabichón, un éxito rotundo
FalaRedes proseguirá así percorrendo os concellos da RDL logo de concluír a semana pasada a súa proposta infantil Os Bolechas e o Sabichón, o divertido concurso que fixo as delicias de máis de 12.000 cativos e as súas familias.
Proba do seu éxito foron os constantes cheos absolutos que colleitou nos 56 concellos que visitou desde maio, onde os nenos e nenas de 4 a 8 anos se achegaron ao galego de xeito lúdico e didáctico da man dos seus personaxes preferidos, a familia Bolechas, un referente moi positivo asociado á nosa lingua.
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións gratuítas coas que busca reforzar a súa oferta de ocio na nosa lingua.
Completan esta terceira edición do programa o concerto Toc Toc e a xincana Augalingua, que tamén concluíron con grande éxito as súas xiras, e a obra de teatro As fabas máxicas, que só ten pendente unha última función.
Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.