Notas de prensa

Os XVI Encontros para a Normalización Lingüística provocan o debate sobre o galego 10 anos despois

Os Encontros do Consello da Cultura son un foro anual de información, debate e proposta para os profesionais da dinamización da lingua. Cúmprense en 2014 os dez anos da aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega, e fálase de todo o que aínda queda por facer no apoio ao galego.

O secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García Gómez, asistiu á inauguración da XVI edición dos Encontros para a Normalización Lingüística que, como cada ano, organiza o Centro de Documentación Sociolingüística do Consello da Cultura Galega (CCG).

García Gómez salientou o papel deste foro de referencia para os profesionais da dinamización da lingua galega. “Desde hai dezaseis anos, os Encontros son o espazo privilexiado para a formación permanente dos técnicos de normalización e o debate de altura arredor das políticas lingüísticas”, indicou, “e este 2014 en particular, en que se fan 10 anos da aprobación do Plan xeral de normalización da lingua galega, cómprenos parar a reflexionar dunha maneira máis demorada sobre o camiño andado e o que nos queda por facer”.

Contraste de políticas lingüísticas

Os Encontros pola Normalización Lingüística que se inauguraron hoxe queren ser foro de debate que permita contrastar as distintas evolucións sociolingüísticas e glotopolíticas de catalán, galego e vasco –linguas recoñecidas como cooficiais nas súas respectivas comunidades- e mais asturiano –lingua sen recoñecemento oficial. Tamén persegue a reflexión sobre distintos aspectos da política lingüística do Estado en relación co seu multlilingüismo interno e de Europa en relación coas linguas non estatais e de inmigración.

Para abordar estes asuntos, a sesión desta tarde contou coa participación de Miquel Pradilla –que abordou o caso catalán-, Patxi Baztarrika –que se ocupou do vasco- e David Guardado –quen disertou sobre o asturiano. Estas intervencións completaranse, o xoves pola tarde, coas de Xaime Subiela, que se ocupará do galego, e Hector Silveiro, que falará do galego estremeiro. Ademais, mañá pola mañá está prevista a participación de Francisco Caamaño, de Andrés Barrera e de Iago Martínez na mesa redonda “O plurilingüismo no Estado Español: a cultura cívica”; a de Carmen Juyent e Antía Pérez para falar de “As linguas de inmigración: integración e plurilingüismo”; así como a de Alba Nogueira e Carmen Alén, que se ocuparán de “As linguas de Europa”. Os Encontros pecharanse coa proxección do documental Fronteiras.

Colaboración co Consello da Cultura Galega

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, formou parte da comisión organizadora dos XVI Encontros de Normalización Lingüística. Ademais, mantén un marco estable de colaboración co Consello da Cultura Galega en materia de promoción da lingua propia de Galicia desde o ano 2010 plasmado actualmente nun convenio entre ambas as institucións.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-24

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES