
As novas promesas musicais de Galicia e de Rusia son as protagonistas do IV Festival Internacional Peregrinos Musicais, que do 21 ao 26 de setembro ofrece concertos e encontros líricos gratuítos en diversos escenarios de Santiago de Compostela e en Lugo. A Asociación Peregrinos Musicais, co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, promove este festival de música clásica, dedicado á promoción dos novos talentos.
Na presentación da programación da nova edición, que tivo lugar en Santiago de Compostela, o secretario xeral de Cultura referiuse á iniciativa como unha oportunidade de preparación conxunta entre músicos novos de distintas procedencias, que contribúe ao intercambio cultural e tamén educativo. Así mesmo, destacou a importancia de favorecer a creación de espazos para a promoción da música e da mostra pública do traballo dos artistas novos.
A presentación tamén contou coa intervención da concelleira de Cultura de Santiago, María Antón, e da directora artística do festival, Ilona Timchenko, quen sen encargou de detallar a programación.
Un total de doce músicos, seis prodixios musicais galegos e seis novas estrelas rusas procedentes das prestixiosas fundacións de música clásica Rostropóvic e Spivákov, foron os seleccionados para participar como intérpretes na nova edición do festival. Do ámbito galego, participan no festival Cristina Bernal (piano), Ignacio da Vila (clarinete), Nerea Rodríguez (acordeón), Noa Outomuro (soprano), Pablo Rouco (frauta) e Roberto Bolaño (frauta). Os intérpretes rusos da cuarta edición son Anastasia Chichelova (piano), Uliana Zhivitckaia (frauta), Chingis Khannánov (violín), David Kcrikuli (piano), Daniel Lozakovitj (violín) e María Zaitseva (violonchelo).
Concertos e encontros
A capital de Galicia acollerá en catro dos seus escenarios estas prometedoras figuras da música clásica. Ademais, os peregrinos musicais tamén visitarán este ano Lugo. O concerto inaugural terá lugar o vindeiro 21 de setembro, ás 20 horas, no Teatro Principal de Santiago de Compostela. O día 23, a Casa do Saber de Lugo acollerá, á mesma hora, un encontro no que os músicos participantes no festival contarán as súas experiencias e as súas vivencias durante o transcurso dos concertos, ademais de interpretar algunha obra mestra.
O festival trasladarase o mércores 24 de setembro, ás 21 horas, a un escenario único como é a Catedral de Santiago, onde os doce talentos invitados poderán gozar e compartir a súa excelencia dentro da música clásica. O cuarto concerto do festival será ao día seguinte na Cidade da Cultura de Galicia, que albergará, ás 20:30 horas, outro encontro de música clásica no que se interpretarán grandes obras mestras.
A clausura da cuarta edición do festival, que terá lugar o día 26 ás 21 horas, contará coa Real Filharmonía de Galicia, baixo a dirección do mestre Maximino Zumalave, que acompañará sete solistas na que será nunha oportunidade única de escoitar as promesas da música clásica máis destacadas.
Promoción dos novos artistas
Creada en 2011 da man da pianista rusa Ilona Timchenko, a Fundación Peregrinos Musicais ten como obxectivo a promoción das mozas e dos mozos artistas de Galicia. Deste xeito, nace o Festival Internacional Peregrinos Musicais, co fin de realizar actividades conxuntas e de intercambio con músicos importantes e de gran prestixio internacional.
A Consellería de Cultura e Educación vén apoiando o Festival Internacional Peregrinos Musicais para contribuír a lles dar un soporte aos novos talentos da interpretación, espírito co que nace seguindo a idea orixinal da fundación Vladimir Spivákov. O fin de Peregrinos Musicais é presentarlle ao público estes mozos e mozas, músicos e virtuosos intérpretes. Veno facendo desde o 2011, ano no que se organizou o primeiro encontro entre estes músicos talentosos de Galicia e doutros países estranxeiros, no marco da celebración do ano España-Rusia.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.