O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, referiuse ao Camiño de Santiago como un dos nosos principais sinais de identidade para o futuro e garantiu o compromiso de reforzalo a través de distintos proxectos entre os que destacou a creación dun Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, no antigo asilo da rúa Carretas. Queremos facer en Santiago un novo Centro de Acollida aos Peregrinos, un centro máis grande, un centro que dea a categoría que merece a persoa que nos visita e, moi cerca deste Hostal rehabilitaremos parte do asilo da rúa Carretas para acoller, aí, un gran centro internacional de peregrinación para o Camiño de Santiago e para todos os que nos visitan, abundou.
É certo que contamos desde hai tempo cunha importante rede asistencial ao longo dos distintos camiños, temos moitos albergues que imos seguir potenciando, pero fallábanos o espazo de benvida, ese espazo onde a xente quere selar a súa Compostela, quere acreditar que fixo ese esforzo camiñando e por iso imos facer un novo Centro Internacional de Peregrinación, dixo, durante a inauguración do I Congreso de Turismo e Peregrinación organizado pola Organización Mundial do Turismo (OMT).
Conscientes de que o papel das administracións é incentivar e intensificar esa inmensa rede que teceron os peregrinos ao longo dos séculos, Feijóo incidiu no obxectivo do Goberno galego de seguir fortalecendo os encontros entre os países, entre as súas xentes no mundo.
Nesta liña, o responsable do Goberno galego lembrou o impacto turístico que o Camiño ten para Galicia ao longo das últimas décadas. É para nós o turismo un sinónimo de peregrinación e por iso estamos deseñando o Plan Director dos Camiños de Santiago, indicou, un plan que permitirá trazar unha folla de ruta estable, pensando xa especialmente no próximo Ano Santo 2021.
Así mesmo, Feijóo subliñou que a Comunidade galega é unha terra de acollida por excelencia e avogou por reforzar o seu selo de hospitalidade como anfitrioa dun dos principais centros de peregrinación do mundo, xunto con Roma e Xerusalén. Non en van, máis de 215.000 peregrinos, de máis de 150 nacionalidades distintas, chegaron a Galicia o pasado ano. E esas cifras van en aumento, toda vez que nos primeiros oito meses deste 2014 xa se rexistrou un crecemento próximo ao 10 por cento.
O presidente da Xunta aseverou que as rutas a Santiago son un exemplo de que pobos diferentes poden e queren compartir ideais e vivir en harmonía. É certo que as rutas abriron ao mundo este recanto occidental de Europa chamado Galicia, pero o certo e verdade é que a peregrinación alimenta as mellores virtudes dos homes: a comunicación, a convivencia e o encontro cos demais, sinalou ao respecto.
Con estas palabras, Feijóo quixo dar a benvida aos asistentes a este I Congreso de Turismo e Peregrinacións, un foro que desde hoxe, ata o 20 de setembro, reúne 350 participantes procedentes dos cinco continentes, cun resultado moi parecido ao que se produce todos os días nos camiños que conducen ata Compostela: fusión de ideas e novos plantexamentos que nacen do intercambio e ese intercambio nace do diálogo, concluíu.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.