Notas de prensa

Cultura promove a primeira tradución ao inglés do poemario de Díaz Castro: Nimbos

O novo volume da colección Galician Classics, traducido por John Rutherford, contribuirá a dar a coñecer no exterior a obra do homenaxeado coas Letras Galegas 2014. A exposición itinerante Nimbos de luz chega á Biblioteca Miguel González Garcés de A Coruña.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe a difundir no exterior a obra de Xosé María Díaz Castro coa primeira tradución ao inglés do poemario ‘Nimbos’, realizada por John Rutherford. Baixo o título de ‘Halos’, que acaba de ver a luz na colección Galician Classics –promovida pola Xunta de Galicia e Small Station Press–, o volume permitirá dar a coñecer no mercado anglosaxón os versos do escritor homenaxeado coas Letras Galegas 2014.

Os secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García, respectivamente, anunciaron hoxe na Coruña a publicación da obra no marco da presentación da exposición ‘Nimbos de luz’, que se pode visitar ata o vindeiro 16 de setembro na Biblioteca Pública Miguel González Garcés.

‘Nimbos’ en inglés, italiano, ruso e éuscaro

Para dar a coñecer no exterior a obra de Díaz Castro, así como para impulsar a proxección internacional da literatura galega, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén promoveu este ano as traducións de ‘Nimbos’ ao ruso, realizada pola directora do Centro de Estudos Galegos de San Petersburgo, Elena Zernova, e ao italiano, obra que inaugurou o proxecto Letras Galegas no Mundo de Cultura e Educación. Xunto con estas edicións conmemorativas, a Consellería tamén promoverá proximamente a versión ao éuscaro do poemario de Díaz Castro.

Celebración das Letras Galegas

A edición en inglés de ‘Nimbos’ enmárcase na ampla programación de iniciativas impulsadas pola Xunta de Galicia para conmemorar as Letras Galegas 2014, entre as que destaca a exposición itinerante ‘Nimbos de luz’. A mostra exhíbese estes días na Biblioteca Pública Miguel González Garcés, onde foi presentada esta mañá polos secretarios xerais de Cultura e de Política Lingüística.

Durante o percorrido polos 14 paneis que conforman este proxecto expositivo, os secretarios xerais estiveron acompañados pola directora da biblioteca, María del Mar Lauroba, e por Armando Requeixo, comisario, xunto con Luís González Tosar e Alfonso Blanco, desta iniciativa que afonda na traxectoria vital e profesional do escritor homenaxeado este ano coas Letras Galegas.

A mostra compleméntase coa proxección do documental ‘O instante eterno’, de Xosé Antón Cascudo, que analiza a figura do escritor de Guitiriz co obxectivo de dar a coñecer a súa traxectoria vital e literaria, e inclúe tamén unha unha selección de obras do autor realizada pola biblioteca. Así mesmo, póñense ao dispor da cidadanía folletos ilustrativos nos que se reflicte o contido do proxecto.

Desde o pasado mes de maio, o centro bibliotecario coruñés promoveu a realización de diversas iniciativas para celebrar as Letras Galegas 2014, entre as que se inclúen unha guía de lectura, unha exposición bibliográfica, un relatorio sobre o autor a cargo de Xesús Manuel Valcárcel e unha actividade para darlles ao coñecer aos máis novos o escritor de Guitiriz.

Próximas paradas

No seu percorrido polas catro provincias galegas ao longo de todo deste ano, que comezou en Guitiriz, terra natal do poeta, o pasado 19 de febreiro, coincidindo co centenario do seu nacemento, e que proseguiu por Vigo, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Estrada, Redondela, Vilagarcía de Arousa, Mondoñedo e A Coruña, a exposición chegará a Lugo o vindeiro 18 de setembro, onde se poderá visitar na biblioteca nodal ata o día 30 deste mes.

Xa en outubro, a mostra poderase ver en Ourense na Casa da Xuventude, do 2 ao 16, e en novembro, na Casa da Cultura da Rúa, do 18 ao 3. A mostra rematará a súa andaina no concello ourensán de Celanova, do 16 ao 30 de decembro, logo de facer parada no concello coruñés de Cee tamén no mes de Nadal, do día 1 ao 14.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-10

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES