
O Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense acolleu a presentación da exposición Como o aire se pinta a si mesmo, do artista Álex Vázquez (Vigo, 1946), que enche de realismo informalista o espazo expositivo ourensán con 76 obras de acrílico sobre lenzo e táboa cuxas características comúns son a luz, a cor e o movemento.
Gústame pintar paisaxes pero transformados en emocións, explica o pintor, e aínda que hai ocasións nas que o silencio é quen pinta a paisaxe, noutras ocasións son as propias emocións, o estado de ánimo, quen che impulsa en cada movemento, de aí que me importe máis o instante e menos o tema.
A mostra recolle os últimos cinco anos de traballo de Álex Vázquez, na que se pode apreciar a evolución dende unha figuración e unha aplicación máis tranquila da cor a unha última fase na que predomina o movemento como elemento fundamental da súa obra. Os cadros baséanse en paisaxes galegos e portugueses de lugares como Pontevedra, Oporto, Lisboa, O Ribeiro, Meaño, Pazos de Arenteiro ou Monteferro. Para elo -explica o artista- teño como caderno de notas uns apuntes, fotografías e mesmo a memoria. Son os que me axudan a estruturar os esbozos, e logo as emocións comezan a darlle forma e cor a cada obra.
No acto de presentación, Álex Vázquez estivo acompañado polo vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández, e polo director do Centro Cultural, Francisco González. A mostra, que se presenta ao público esta tarde ás 20.15 horas, permanecerá exposta ata o 26 de outubro. Paralelamente, como complemento á exposición, programáronse unha serie de actividades enmarcadas dentro do programa Cata a arte que terán lugar todos os xoves e nas que haberá cata de viños, coloquios, pintura en directo e concertos como os que ofrecerán Alfonso Medela Trío (18 de setembro) e Roibós (9 de outubro).
Álex Vázquez naceu no seo dunha familia relevante no panorama artístico galego, onde, dende moi cedo, amosou claras aptitudes cara o mundo da arte. Nomes imprescindibles no seu entorno familiar son o seu pai, Isidro Vázquez Palacios, pioneiro da actividade creativa publicitaria en Galicia, e o seu tío-avó, Antonio Palacios Ramilo, afamado arquitecto porriñés.
Cunha ampla traxectoria expositiva en galerías e centros culturais de España, os cadros de Álex Vázquez son tamén coñecidos no ámbito europeo, sendo as súas coleccións expostas en países como Portugal, Alemaña ou Bélxica. Asemade, é coautor de numerosos proxectos editoriais, participando no seu deseño, desenvolvemento e ilustración en colaboración con destacadas figuras literarias como Carlos Casares, Francisco Fernández del Riego, Francisco Fernández Naval ou Xavier Alcalá.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.