Notas de prensa

O CDG pon en marcha os ensaios da produción As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

A obra de Carlos Casares abrirá a temporada 2014-2015 do Centro Dramático Galego coa estrea no Teatro Principal de Ourense o 3 de outubro. O elenco dirixido por José Caldas está integrado por Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde.

O Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou os ensaios da nova produción do Centro Dramático Galego (CDG) sobre a obra de Carlos Casares ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que, baixo a dirección do creador luso-brasileiro José Caldas, culminarán coa estrea desta montaxe como apertura da temporada 2014-2015 da compañía pública o 3 de outubro no Teatro Principal de Ourense.

Alba Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde integran o elenco de actores, músicos e cantantes que precisa a interpretación deste espectáculo dirixido a todos os públicos. Os seis foron seleccionados nun proceso de audición pública no que se valorou a súa idoneidade para encarnar os personaxes de Elías, Anxa, Veciño Gordo, Veciña Desdentada, Veciña Sabida e Veciño da Escopeta, ideados por Carlos Casares como intérpretes dos diálogos, das cancións e dos distintos instrumentos populares que se exhiben en ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’.

Elementos escenográficos de hai 10 anos

A compañía traballará durante todo este mes de setembro no Salón Teatro de Santiago ás ordes do luso-brasileiro José Caldas, como director escénico e autor da versión dramatúrxica; e de Bernardo Martínez, na dirección e composición musical. Ambos os directores, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o Centro Dramático Galego, asumen tamén agora a súa reposición.

Na nova posta en escena recuperaranse elementos escenográficos, de vestiario e de ‘atrezzo’ utilizados hai dez anos para levar ás táboas o texto de Casares nunha versión escénica que incorpora referencias a outras obras para público infantil e xuvenil do autor.

Xunto a Caldas e Martínez compoñen o equipo artístico do espectáculo María Sofía da Silva (escenografía e vestiario), Juanjo Amado (iluminación), maría Negreira (xastrería), Magdalena de Rojas, Cristina Novoa e Pilar Sampedro (guía didáctica), Óscar Villán (ilustracións), Fran Veiga (produción) e Anabell Gago (axudantía de dirección).

Cos centros de ensino

Despois da súa estrea oficial en Ourense o 3 de outubro, onde se realizarán dúas funcións previas dirixidas a centros de ensino, o CDG abrirá unha serie de representacións por distintos escenarios galegos. Nesta xira combinarase unha especial dedicación á comunidade escolar, mediante a participación de mestres e alumnos a través de funcións concertadas e da posta a disposición de materiais didácticos específicos; así como do público familiar para as funcións programadas en días non lectivos.

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002) ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Este foi, ademais, o texto elixido polo Centro Dramático Galego para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou un notable éxito de público.

Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia, 2014-09-02

Actualidad

Foto del resto de noticias (festival-jazz-lugo-2026.jpg) O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito D’Rivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
Foto de la tercera plana (gripe-vacinacion.jpg) O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.

Notas

A USC impulsa un marco institucional para integrar a IA de maneira responsable, segura e transparente na docencia, na aprendizaxe, na investigación, na transferencia de coñecemento e na xestión universitaria. A iniciativa, aprobada en Consello de Goberno, articúlase a través dun regulamento de aplicación xeral ao que se suma o Plan de Formación en Intelixencia Artificial Responsable (FIAR).
O Campus Industrial de Ferrol reúne a máis de 50 empresas, entidades e asociacións na cuarta edición do FESTALENT, Feira de Empresas e Talento, un evento de referencia que se celebra no Pavillón Municipal de Esteiro. Organizada no marco do programa ImpúlsaT da UDC, a feira conta coa colaboración da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.
PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES