
On the Road, a gran mostra conmemorativa do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela que Turismo de Galicia inaugurou o 27 de xuño alcanzou no mes de agosto os 30.000 visitantes. A exposición que aglutina as creacións dalgúns dos artistas contemporáneos máis recoñecidos no ámbito internacional na actualidade permanecerá aberta ata finais de novembro.
A mostra, que conta coa participación de 35 artistas nacionais e internacionais de primeiro nivel, é unha homenaxe á cultura do noso tempo e xira arredor da idea do Camiño de Santiago percorrido polo santo de Asís e do concepto de camiñar.
O Pazo de Xelmírez, a igrexa e o cemiterio de Bonaval, e espazos urbanos emblemáticos da cidade de Santiago como a praza do Obradoiro ou o Hostal dos Reis Católicos, son os escenarios que acollen este singular repertorio de inquedanzas, saberes, visións e achegas artísticas pensado como un percorrido es si mesmo.
O VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago é un acontecemento que conta coa declaración de Especial Interese Público e celébrase en Galicia dende mediados de 2013 ata mediados de 2015. Algúns dos eventos máis destacados enmarcados nesta conmemoración, ademais da mostra On the Road', son a a exposición Peregrino e Novo Apóstolo. San Francisco no Camiño de Santiago' ou o I Congreso Internacional de Peregrinacións e o I Cumio de Asociacións de Amigos do Camiño, que se celebrarán en Santiago en setembro de 2014 e maio de 2015, respectivamente. Este VIII Centenario converte a Comunidade galega no epicentro da actividade cultural, científica, expositiva e artística.
On the Road deixará como legado do centenario para Galicia e para a cidade de Santiago a rehabilitación dun espazo único no mundo, o Pazo de Xelmírez. Para acoller esta mostra e para o seu uso cultural posterior, Turismo de Galicia levou adiante neste Pazo unha gran obra de rehabilitación e acondicionamento para o que se asinou un acordo entre a Administración autonómica e a Fundación Catedral de Santiago.
Francis Alÿs; Giovanni Anselmo; Jorge Barbi; Lothar Baumgarten; Joseph Beuys; Alighiero Boetti; Christian Boltanski; Marcel Broodthaers; John Cage; Mircea Cantor; Janet Cardiff & George Bures Miller; Tacita Dean; Jimmie Durham; Guillermo Faivovich & Nicolás Goldberg; Félix González-Torres; João Maria Gusmão & Pedro Paiva; Roni Horn; Annika Kahrs; Amar Kanwar; Yves Klein; Jannis Kounellis; Antón Lamazares; Richard Long; Aníbal López; Piero Manzoni; Anthony McCall; Mario Merz; Nam June Paik; Giuseppe Penone; Perejaume; Caio Reisewitz; Robert Smithson; Antoni Tàpies; Lawrence Weiner e Franz West son os artistas que participan na exposición. Doce destes artistas crearon obras específicas para exhibirse en Santiago de Compostela.
O XXXVI Festival de Jazz de Lugo ofrecerá do 4 ao 14 de novembro un total de 22 actuacións que combinarán grandes figuras internacionais cunha ampla presenza de músicos galegos en catro escenarios. Conforme ao programa, o Auditorio Fuxan os Ventos acollerá a apertura o mércores 4 co trío do saxofonista e clarinetista cubano Paquito DRivera. Neste mesmo escenario actuarán Abe Rábade, o día 8, e Kenny Barron Trio, o 11. No Círculo das Artes sucederanse James Carter Organ Trio, o 5 de novembro; Jogo de Damas, o día 6; Takuya Kuroda Quintet, o 7; Patricia Brennan Septet, o día 12; Erik Truffaz & Antonio Lizana, o día 13, e Clarence Bekker Band, o 14 de novembro.
O informe da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade sobre a actividade das infeccións respiratorias agudas referido á semana que rematou o 25 de outubro reflicte que a actividade gripal na comunidade mantén o seu nivel basal con tendencia crecente, constatando un incremento na dispensación de antigripais nas farmacias galegas. En concreto, a taxa de dispensación de antigripais nas farmacias aumentou un 38,9 % na última semana, mentres que a de probas de antíxenos se reduciu nun 17,9 %, tal e como informan as oficinas de farmacia integradas na rede sentinela impulsada pola Xunta, co obxectivo de anticipar a evolución dos virus respiratorios na comunidade.